DISCURSO DO VICERREITOR DO CAMPUS DE OURENSE DA UNIVERSIDADE DE VIGO NO ACTO ACADÉMICO DE GRADUACIÓN NA ESCOLA SUPERIOR DE ENXEÑERÍA INFORMÁTICA
Quinta promoción do Grao en Enxeñería Informática
(8-XUÑO-2017, 19:00 h.)

 

Director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, Subdirectoras, Secretario, Madriña da V Promoción, Decano da Facultade de Ciencias, Director da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, Decana da Facultade de Ciencias Empresarias e Turismo, Decana da Facultade de Dereito, exVicerreitor do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, Claustro de profesores, novos doutores, alumnos e alumnas, graduados e graduadas, Director do Coro Universitario do Campus de Ourense, membros do Coro, Persoal de Administración e Servizos, Autoridades, Señoras e Señores.

A escena vólvese escura, sombras camiñando sen perfil, ata que só resta un foco iluminando un punto coma un cursor intermitente na pantalla en branco. Comezan a soar os primeiros acordes do piano jazz ante a expectación do público. O músico enfróntase á vertixe da soidade, á partitura chea de signos encriptados, a un teclado que semella unha combinación infinita de ceros e uns, código binario. Antes de comezar sempre hai unha tensión, unha sensación de baleiro, unha especie de precipicio, un medo a non ser quen de dar coa clave que lle permita resolver o problema plantexado. Voltan a el os medos pasados cando afrontaba os exames de lectura á primeira vista, a pesar de que desta vez se trata de interpretar a súa obra, de mudar as cousas. Súan as mans, e un calafrío percorre o seu corpo, alí sentado, no taburete, diante do piano de cola. Ás veces pensa en pulsar a tecla superior esquerda, a de escape, para desaparecer, mais esa posibilidade difumínase e non lle queda outra que interpretar as notas escritas nas liñas horizontais da partitura. Chegou a hora do código na que el está só, diante do perigo, obrigado a resolver o problema, a desenmascarar a armadura e propoñer unha solución. Todos agardan algo del sen saber moi ben como fai, de onde vén, e como o pode facer outra vez. Os arpexos van xurdindo da nada, envolvendo o espazo e a pantalla ata daquela cuberta de po, énchese de hashtags, de puntos, comas, liñas oblicuas, de significados. Lembra os anos de escola con desbordante ilusión. Os dedos deslízanse polo teclado e é alí onde comeza a acadar sentido todo o traballo previo, todo o seu esforzo, todo o tempo dedicado a buscar a fórmula perfecta. O son comeza a invadir o espazo da sala unha vez máis, pero el busca o silencio como salvación e pensa que todo está por chegar.

Hai 25 anos creábase no campus de Ourense da Universidade de Vigo a Escola Superior de Enxeñaría Informática. Pode ser que daquela houbese dúbidas sobre o futuro, máis hoxe o futuro é totalmente certo. Estamos perante unha Escola universitaria consolidada que a pesar dos tempos que corren continúa puxando con docentes novos que seguen a senda das persoas que comezaron a traballar nos inicios deste centro. Aquela ilusión por construír e por facer na primeira Escola de Enxeñaría Informática, segue a latexar nestas paredes. Pódese sentir cando un se achega aquí, na multitude de actividades adicadas ao alumnado do grao e máster, máis tamén cando se abren as portas aos máis cativos con actividades diversas durante todo o ano. Pódese percibir facilmente un centro vivo e apegado á realidade, coa presenza constante de empresas do sector da informática, das telecomunicacións e doutros sectores produtivos do entorno máis próximo ou doutras latitudes, que se interesan non xa polos egresados senón polo alumnado dos últimos cursos. Ese fluxo constante entre empresa e Escola que sen dúbida xera inmensas oportunidades para o estudantado está na impronta dos grupos de investigación que conforman os e as docentes deste centro. Precisamente, dende os seus inicios os diversos grupos de traballo e investigación radicados nesta Escola foron xermolo de numerosas iniciativas empresariais. Permitídeme que nomee un exemplo paradigmático de todos coñecido, a empresa Redegal. O seu  creador, Jorge Vázquez, pasou por estas aulas e traballou en grupos de investigación desta Escola, e a partir de aí, co apoio do profesorado, creou a súa empresa informática, referente en Galicia e en todo o Estado, en materia de solucións web, e especializándose no mundo do comercio electrónico. Hoxe conta con máis de cen traballadores, mantén a súa sede central en Ourense e ten presenza nos EEUU, México e Colombia, ademais de ter oficina en Madrid. Curiosamente a creación desta empresa veu da man da súa muller, que tamén estudou neste campus universitario a carreira de Administración e Dirección de empresas. E digo curiosamente porque hoxe en día neste campus se oferta un dobre grao entre ámbalas dúas titulacións, Informática e ADE, ofertando 20 prazas que se están a cubrir todos os anos, e que constitúe unha singularidade no sistema universitario de Galicia.

Docentes implicados co alumnado e que tentan a súa vez dar solución aos problemas dos sectores produtivos, transferir coñecemento e tecnoloxía a través de proxectos e contratos de I+D.  Son diversas as colaboracións co sector alimentario, co servizo público de saúde, e co sector aeroespacial, entre outros moitos. Respecto a este último quixera poñer en valor o traballo e a xenerosidade amosada dende este centro neste ámbito estratéxico para a Universidade de Vigo e para Galicia. Así, hai que salientar o esforzo que se vén facendo dende os grupos de investigación desta Escola para, en colaboración cos grupos da Escola de Telecomunicacións do campus de Vigo, situar á Universidade de Vigo na primeira liña da investigación aeroespacial, destacando no eido dos pico-satélites, nos que despois de poñer tres en órbita se segue a traballar. E como dicía, a visión e lealdade institucional da Escola e a súa dirección para coa Universidade revélase fundamental para lograr implantar o grao de enxeñaría aeroespacial no noso campus universitario e crear a Escola de enxeñaría aeronáutica e do espazo, poñendo parte dos seus recursos a disposición para facilitar os primeiros pasos deste novo centro irmán, pero tamén “prestando” os seus recursos humanos, ata o punto de que o director da devandita escola é actualmente un informático.

Sen dúbida, dende a Universidade de Vigo e, en particular, dende este campus de Ourense, temos moito que agradecer aos profesores e ás profesoras que comezaron a traballar aquí hai 25 anos, que seguen a aportar e que manteñen unha mente aberta e audaz, o que se reflicte nas diferentes direccións que estiveron á fronte deste centro, ata a actualidade. Unha Escola vangardista na súas relacións coa contorna, tanto cos outros niveis de ensino, como cos colexios profesionais e co mundo empresarial, pero tamén na busca de saídas profesionais para os seus egresados, fomentando o emprendemento en tempos nos que apenas se conxugaba o verbo emprender.

Ese espírito innovador corre polas aulas e acompaña aos graduados, a tantas xa xeracións de graduados e graduadas que nos convocan cada curso académico neste salón. E neste 2016-2017 estamos doutra volta aquí. Vós sodes a culminación de todo o traballo referido, da dedicación do profesorado na aula e de todos e todas os que non vedes a diario pero que traballan, que traballamos, para que un día coma hoxe sexa posible. Sodes o motivo de que nos sintamos fachendosos do noso, do quefacer diario, do traballo que para nós é vocación. Sodes a mellor imaxe da Universidade pública e galega que é a Universidade de Vigo e este campus de Ourense. E igual ou máis motivo de fachenda han sentir agora mesmo os vosos pais e nais, que estiveron ao voso carón durante todos estes anos, acompañándovos nos bos e nos non tan bos momentos. Todos eles e elas forman parte desta casa, deste campus, desta universidade.

Agora tócavos saír á escena. As luces hanse apagar, é lei de vida, e voltará o silencio. Hai certa vertixe, sen dúbida. E medo ao baleiro. Que facer? E Para que? Mais coma aquel músico de Jazz, un foco estará a vosa espreita, e entre as vosas mans tedes un teclado xa coñecido, xa traballado, trátase simplemente de poñer en práctica o moito, moitísimo que aprendestes, que ensaiastes basta darlle ao intro para comezar. No silencio da pantalla está a salvación, ninguén mellor ca vos sabe diso. Todo está por chegar.

Dixen.

 

En Ourense, a 8 de xuño de 2017

Virxilio Rodríguez Vázquez

Vicerreitor do Campus de Ourense da Universidade de Vigo