DISCURSO DE INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN “SEIS FISTERRAS DE AUGA” (SIC) DE JUAN FERNANDO DE LAIGLESIA CURADA POR JUAN LUIS MORAZA NA SALA ALTERARTE, CAMPUS DE OURENSE, UVIGO, O 8 DE SETEMBRO DE 2016
Manuel Rivas díxonos que este é o país dun millón de Vacas. Xa hai diso uns anos, pode que as cousas teñan mudado, dende aquel título teñen pasado moitos acontecementos que seguramente fixeron minguar esa poboación… Mais nesa contabilidade faltaba unha, a que daría un millón e unha. A que quedou sen contar foi unha vaca que brama ao baleiro oceánico, un bramar acuoso, líquido, que berra nas noites de néboa pecha dende o alto dos cantís, deixando que as ondas sonoras reboten nos rochedos, mentres van caendo, ata converter as vibracións en luz, para que a través dos oídos os mariñeiros poidan ver o que os seus ollos non ven. Esa é a vaca de Fisterra, situada no alto do faro, nunha sorte de animal metafísico, que cada quen pode imaxinar como queira, pero que a min se me aparece como unha marela galega a bramar nas noites pechas, para guiar aos barcos que por milleiros cruzan diante da fin da terra.
Juan Luis Moraza di na introdución desta obra de De Laiglesia que hoxe se presenta que “a experiencia da arte é a experiencia do límite do mundo”. E coido que si. A experiencia artística, o feito artístico, prodúcese cando ese home ou esa muller chega aos pés dos cantís, chega á fronteira, chega ao punto derradeiro, ao último do último, e se atopa diante de si ao baleiro. É curioso, incluso paradóxico pensar así a experiencia artística, pois precisamente o seu resultado, a obra artística, é a materialización da idea, a concreción, como a obra que estamos hoxe a ver, palpar, ulir aquí… pero para chegar a esta obra o artista tivo que pasar antes, enfrontarse antes, ao baleiro, ao punto cero, ao límite, tivo que chegar a un Fisterra.
Hoxe, Juan Fernando De Laiglesia, nun exercicio epistemolóxico do feito artístico, semella querer amosarnos as formas que ten ese fenómeno, o fenómeno creativo, levándonos aos fisterras, aos baleiros, á desorientación que supón, nalgún intre, crear, tentar a creación. En calquera das súas formas.
Esta semana estamos a iniciar un novo curso na universidade, e a docencia, o ensino, ten algo de fisterra, porque sempre, cada ano, o profesor ou a profesora se enfronta a un principio que sen embargo nunca é o mesmo.
Agardemos que neses fisterras onde nos leva De Laiglesia, que buscan e polos que transitan os artistas, como os docentes, como os mariñeiros deste país, non deixe de haber unha vaca chamando por nós para ver a luz.
En Ourense, a 8 de setembro de 2016
Virxilio Rodríguez Vázquez
Vicerreitor do Campus de Ourense da Universidade de Vigo
Deixar unha resposta