DISCURSO DO PADRIÑO DA IV PROMOCIÓN DO GRAO EN DEREITO DA FACULTADE DE DEREITO. SALÓN DE ACTOS DO ED. POLITÉCNICO DO CAMPUS DE OURENSE, UVIGO, 10 DE XUÑO DE 2016, ÁS 18:00

 

Decana da Facultade de Dereito, Decano Honorífico, autoridades académicas, Excmo. Sr. Presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, copadriño de promoción –sabes que é un pracer compartir esta honra contigo- claustro de profesores, persoal de administración e servizos, alumnas e alumnos, autoridades civís, señoras e señores.

No verán de 1941 o avance das tropas alemanas sobre o territorio de Europa do leste era imparable. Aproveitando a boa climatoloxía, as facilidades do terreo e certo factor sorpresa, os exércitos do eixo avanzaron implacables ata chegar a Leningrado. Alí, as tropas soviéticas, xunto coa poboación da cidade, fixéronse fortes, contendo o avance do inimigo. Aquela era máis ca unha cidade, máis ca un simple nome, máis que outro territorio, era un símbolo. O 8 de setembro comezou o cerco de Leningrado, ao cortarse o último aceso por terra, cun asedio que en pouco tempo deixou á cidade sen auga, sen alimentos, coa destrución de escolas, hospitais, baixo intensos bombardeos, sumida na escuridade, no caos, no horror. Nese dramático escenario, un xovencísimo compositor chamado Dmitri Chostakovitch, iniciaba os traballos da Sinfonía n.º 7. Pouco tempo despois, o músico xunto coa súa muller e fillos foron evacuados da cidade, trasladándose á capital temporal do país, Kuibichev, na que Dmitri continuou cos traballos de composición de forma intensa, pechado, concentrado, ata que o 27 de decembro de 1941 concluíu, nun tempo record, a devandita Sinfonía. Estreada ao ano seguinte na Unión Soviética, deseguido chegou a Londres para dar o salto aos Estados Unidos, interpretándose en Nova Iorke, para levar a Chostakovitch nada máis e nada menos que a ser portada da Revista Time. O efecto da Sinfonía n.º 7 en plena segunda guerra mundial foi unha sorte de tsunami musical, xerando un frenesí e interese inaudito pola obra, que chegou a ser disputada por diferentes orquestras e directores, multiplicándose o fenómeno cando en agosto de 1942, nunha sorte de desafío aos tanques e metrallas das tropas alemanas, a orquestra da Radio de Leningrado regresou á cidade rompendo o cerco para alí, no corazón da desolación, interpretar a Sinfonía n.º 7, retransmitida simultaneamente nas radios europeas e americanas, e soando sen parar tamén nas radios inimigas.

A Sinfonía n.º 7 é unha composición de corte clásico. Divídese, como corresponde a este xénero musical, en catro grandes movementos, comezando o primeiro en forma de sonata, nun ritmo relativamente áxil, para pasar a un segundo movemento quizais máis curto pero en todo caso lento. Un Adagio domina o terceiro, para chegar a un último movemento áxil, rápido e vibrante, que remata cun final maxestoso. Catro movementos que condensan, cada un deles, distintos momentos, vivencias, sentimentos, esforzos, como catro anos de vida como catro anos de carreira universitaria. Poden parecer hoxe lonxanos aqueles primeiros días nos que entraban na Facultade de Dereito expectantes, tal vez algo indecisos, tenteando o terreo. Pero enseguida esta promoción deu signos de que sería todo menos unha promoción calquera, menos unha promoción máis. Espoliados por certos elementos digamos activos e activas, chegaron a segundo curso formando xa parte do corpo desta Facultade. Foi precisamente nese segundo curso onde tiven a oportunidade de impartirlles clase de Dereito penal e disfrutar con vostedes de clases vivas e participativas, algo que ten que ver co docente, pero moito co alumnado, coas dinámicas de grupo que se xeran. Naquelas aulas nunca faltou o debate, dende as cuestións de base da materia pero sobre as que sempre hai que volver, como por exemplo, “Funcións e fins da pena”, “Límites do ius puniendi”, “Fontes do Dereito penal”, ata aspectos dogmáticos relativos á teoría do delito ou das súas consecuencias xurídicas. Aqueles mércores e xoves tocaba espertar nas primeiras horas da mañá con teorías sobre causalidade, imputación obxectiva, dolo obxectivamente malo, e un longo etcétera. Mais as súas inquedanzas foron máis alá, sempre máis alá. Iso quedou posto de manifesto cando nese curso académico e no seguinte, coincidindo co meu paso polo vicedecanato da facultade, sendo decano o Prof. Roberto Bustillo, emprendemos a activación da delegación de alumnos e doutras iniciativas vinculadas a un espazo que, daquela, estaba practicamente morto. Nesa reactivación dun pulmón fundamental do centro, que hoxe constitúe un referente para o propio campus, tiveron que ver moitísimo vostedes, esta xeración, os seus delegados e delegadas, que demostraron unha extraordinaria capacidade de liderazgo, pero todo o colectivo, toda a promoción, que se sumou ás actividades que comezaron a poñerse en marcha. Xa en terceiro curso, incrementáronse os traballos de aula e tamén os extraescolares. Un ritmo que coma un último movemento dunha sinfonía se fai máis vivo en cuarto curso, no que suman a gala dos premios San Raimundo de Peñafort, cursos de inglés para xuristas, cursos de saídas profesionais, participación e iniciativas solidarias, magosto da facultade, e un longo etcétera, incluída unha viaxe a Madrid, para visitar o Tribunal Supremo e as Cortes Xerais. Tiven a sorte de acompañalos, xunto co Decano, e disfrutar, ao tempo que aprender, durante aqueles dous días no outono madrileño. E naquela viaxe chamoume a atención algo que non é habitual, non é frecuente. A cohesión do grupo, do colectivo, da aula. Sendo moitos e moitas de vostedes tan distintos, o que se podía detectar alí, pero tamén aquí é a tendencia que teñen a sumar, a incorporar, a colaborar. A forza do colectivo, nos momentos bos, e nos que non son tan bos, incluso naqueles casos nos que son capaces de sentarse e recoñecer un erro, eis o seu grande valor, o seu grande acerto, a meirande lección que eu aprendín de vostedes.

O movemento máis importante da Sinfonía n.º 7, o máis extraordinario, é curiosamente o primeiro. Un Allegretto, que ten inicio cunha melodía en unísonos de cordas, aparentemente  sen acompañamento, marcado dende o comezo por ritmos dunha marcha, pasando a continuación a un tema máis lírico, cun tempo máis lento, presentado polos violíns e acompañado por un movemento calmo e oscilante dos violonchelos e das violas. A corda está a transitar por un camiño habitual e nada extravagante, ata que de súpeto fai entrada en escena unha frauta pícolo. Tras un silencio, a caixa irrompe na base, sutilmente, ao lonxe, case imperceptible, como enmarcando a escena do cadro no que van aparecendo en constante diálogo, nun bucle melódico que nos lembra ao Bolero de Ravel, diferentes instrumentos, do máis diverso. Óboe e fagot, trompas apoiadas no piano, clarinetes que conversan co corno inglés. Nun ritmo ternario vaise sumando o resto da orquestra, pedindo case danzar, crecendo en forza, mentres a percusión medra en intensidade. O ruxir das caixas chámanos a marcar cos nosos pés e mans o ritmo, un ritmo colectivo, un ritmo vibrante, un ritmo vivo, ata facer da melodía repetida un exercicio de orquestración única, sublime, fantástica.

Chámovos, pois, alumnos e alumnas da IV promoción do Grao en Dereito da Universidade de Vigo a que non deixedes de imaxinar, de crear, de dialogar, de interpretar, chámovos a que non deixedes de crer no estudo, na ciencia, na arte, na palabra, chámovos a que non deixedes de ser conscientes da sinfonía, da anterior, pero da que comeza agora, e da que ha vir despois, da música tenue, que seguro xa está a soar nos vosos tímpanos, da música libre que aínda está por escribir, pois só así será posible evitar calquera cerco que vos queiran impoñer.

Dixen.

 

En Ourense, a 10 de xuño de 2016

Virxilio Rodríguez Vázquez

Vicerreitor do Campus de Ourense da Universidade de Vigo