PRÓLOGO AO LIBRO “PROXECTOS INOU 2013. INVESTIGACIÓN APLICADA NA PROVINCIA DE OURENSE”, COORDS. MARÍA LAMEIRAS FERNÁNDEZ, VIRXILIO RODRÍGUEZ VÁZQUEZ, ALBERTO VAQUERO GARCÍA, ANTÓN VILA SOBRINO, VICERREITORÍA DO CAMPUS DE OURENSE, UNIVERSIDADE DE VIGO, OURENSE, 2014, PP. 7-8
A Universidade ten como función última contribuír a construír unha sociedade máis libre e xusta. Ese é o obxectivo que rexe as accións das persoas que nela nos integramos, pois como servidores públicos estamos obrigados a supeditar calquera interese persoal ao interese xeral, colectivo, en definitiva, público. Máis ese principio, lonxe de ser abstrato e difuso, ha de atopar concreción na poboación máis próxima, aquela que nos rodea, pois a función referida non tería sentido se non tenta achegar os seus resultados polo menos ao territorio onde se atopa e á comunidade que o habita.
Para conquerir ese obxectivo necesariamente debemos analizar a realidade da contorna na que a Universidade de Vigo, a través do Campus de Ourense, se incardina. Esixímonos, xa que logo, coñecer máis e mellor o noso territorio e os problemas, pero tamén, as oportunidade que presenta. Debemos ollar este territorio e a súa poboación dende múltiples ópticas, pois a súa realidade é poliédrica e para incidir no mesmo non podemos pretender facelo dende un só ámbito de coñecemento, máis o contrario, teñen que ter cabida as análises dende o punto de vista xurídico-social, científico tecnolóxico e experimental, e humanístico. Hai que por a traballar sobre o terreo as xeracións de investigadoras e investigadores máis novas, entendendo que estes non serán máis que os primeiros pasos de carreiras lonxevas e produtivas, na esperanza de que sempre teñan a vista posta nas orixes. Por último, e non por iso menos importante, esa Universidade da que falamos ha ter en conta que para entender pero sobre todo ser entendidos, debemos promover un compromiso permanente coa cultura, o modo de relacionarse e o idioma deste territorio que ocupamos e do que nos preocupamos.
A convocatoria de proxectos INOU, que un ano máis se levou a cabo dende a Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo contando co apoio económico proporcionado pola Excelentísima Deputación Provincial de Ourense a través do Convenio de Colaboración asinado entre ámbalas dúas institucións, foi un instrumento modesto que, sen embargo, posto nas mans das e dos investigadores da Universidade e grazas á súa formación de alto nivel e ao seu bo facer multiplicou a súa forza, facéndoo aínda mellor, para cumprir co obxectivo da devandita convocatoria e que na súa literalidade di así: “o obxectivo deste programa é apoiar as investigacións que contribúan ao desenvolvemento social e económico da provincia de Ourense e ao coñecemento da súa realidade”.
Neste volume atoparemos algún dos resultados aos que os grupos de investigación do Campus de Ourense chegaron na execución do programa INOU 2013. O lector poderá achegarse a estudos que analizan e propoñen en materias relativas á explotación turística dos recursos naturais da Baixa Limia, á investigación e protección do patrimonio paisaxístico do Alto Támega, ao legado dos debuxantes ourensáns da Revista Nós, aos sistemas para vixiar e previr incendios mediante uso de novas tecnoloxías, aos agresores de violencia de xénero na provincia de Ourense, a escorrentía nas estradas e problemas asociados, ao impacto socioeconómico que teñen os tres parques naturais e as dúas reservas da biosfera existentes en distintas comarcas ourensáns, entre outros.
Coñecemento, xuventude, innovación, territorio, identidade, velaquí a importancia desta convocatoria e o valor engadido que a partir da mesma son quen de xerar as mulleres e os homes que integran esta Universidade, este Campus de Ourense.
En Ourense, 18 de novembro de 2014
Virxilio Rodríguez Vázquez
Vicerreitor do Campus de Ourense da Universidade de Vigo