PRESENTACIÓN DE “TREIXADURA” E “CANTIGAS E AGARIMOS”, CONCERTO CONMEMORATIVO DOS 25 ANOS DA UNIVERSIDADE DE VIGO, TEATRO PRINCIPAL DE OURENSE, 14 DE MAIO DE 2015, ÁS 20:30 H.
As mimosas cubrían cun manto marelo o comunal todo. Na tardiña, el, aínda neno, lanzou ao vento o derradeiro feixe de herba e despois, dun chimpo, subiu ao carro. En silencio, a parella de bois comezou a andar paseniño, deixando atrás a viña da Aira. Atravesaron o campo da festa, xiraron á esquerda e continuaron ata a fonte da que caía un fío de auga mentres comezaba a apertar a calor de maio. Con tento, foron serpeando entre as casas de pedra. Os figos querían agromar na árbore que case invadía o camiño. Tellas caídas. O patio, deserto. No balcón puido ver o millo a secar e as sabas brancas ao clareo. Ao fondo, a cerdeira xa salpicada de vermello e, máis alá, o cabaceiro de madeira vella. Suspirou. O carro pareceu xemer. Escoitou á moa bater no gran… Habían estar alá embaixo, pensou. Comezaban a caer pingas de chuvia perdidas. Entón, os bois detivéronse e, cun aceno fugaz, ergueron a ollada cara ao ceo na procura dun sinal.
Hoxe, aquel neno xa é avó. Coma todos os venres, agarda a que a súa neta regrese de volta á aldea. Anda a estudar o último ano de carreira na Universidade de Vigo. Sempre que chega, ao baixar do coche, ela dálle unha aperta forte, bícao nas meixelas, e borboríñalle ao oído: avó, conseguímolo! Por riba dos cabelos brancos, no patio, a cerdeira, o cabaceiro vello, mira ao ceo…
A Universidade de Vigo está a facer 25 anos. Somos, xa que logo, unha universidade nova, ilusionada, con ganas e capacidades para seguir a medrar. Contamos con máis de vinte dous mil estudantes, con tres campus universitarios en tres grandes cidades, con agrupacións de investigación punteiras. Docentes de prestixio, persoal de servizos profesional, gobernos con fondo sentido do público. Pero esta Universidade moderna non deixa de mirar ao pobo ao que pertence, ao que se debe. Que mellor homenaxe ao noso pobo que este concerto de Treixadura, gaiteir@s autentic@s, radicais, libres. As súas voces agroman do fondo da fonte, do carreiro que vai á viña, do último muíño, do cabaceiro, e ensínannos a ter os pés na terra.
En Ourense, a 1 de maio de 2015
Virxilio Rodríguez Vázquez
Vicerreitor do Campus de Ourense da Universidade de Vigo