Per forma, emotivo
Este blog nace para deixar constancia do discurso público que por diferentes razóns fun construíndo dende hai xa tempo. Recolle as intervencións que como docente, padriño de distintas promocións de estudantes, como vicedecano, e agora vicerreitor do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, levei e sego a levar a cabo en actos do máis diverso. Para todas elas dediquei un tempo de preparación, ás veces longo e detido, outras, condicionado polo ritmo da axenda, áxil e directo. Son discursos que se caracterizan en todo caso pola inmediatez, elaborados cun fondo sentido do público, e coa responsabilidade de estar representando sempre a algo ou alguén máis alá dun mesmo. Son discursos nos que se ten moi presente a cada unha das persoas que vai asistir a un evento, acto académico, inauguración, etc., pois son elas as protagonistas, para as que se traballa, e para as que se fala. Son discursos que queren fuxir da rutina, de entender estas intervencións coma un mero trámite, e coa convicción, ou alomenos a esperanza, de que a palabra ten un poder transformador, a capacidade de mudar o estado de cousas, de que cando estamos a falar estamos a facer.
Mais a decisión de abrir esta folla líquida na que facer público o que xa foi público, ten que ver coas voces de moitas e moitos que escoitaron ou leron aqueles discursos, aquelas intervencións, aquelas palabras, e que me animaron a abrir un espazo no que deixar visibles permanentemente todos aqueles textos. Trátase, por tanto, de dar resposta ao repenicar nos fíos invisibles de persoas próximas e non tanto, para seguir mantendo a comunicación, para poder lembrar lugares, tempos, para non deixar de crer e de crear.
Por último, este blog cumpre a función de ordenar decenas de textos que doutro xeito posiblemente se acabasen perdendo, xusto no momento en que paso o ecuador á fronte da vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo. Incorpóranse aquí fundamentalmente discursos públicos, aínda que tamén textos escritos xerados dende hai anos. Así, quen se achegue a este blog poderá turrar do fío para desandar o camiño e aproximarse á entrada do labirinto. Porén, para min, non supón unha parada, nin tan sequera un regreso, ao contrario, pretende exercer de panca para continuar na mesma liña, coa mesma ilusión e esperanza, coa mesma forza e paixón, coa mesma dedicación, coa certeza de que a saída sempre está na palabra.
En Ourense, a 29 de abril de 2016
Virxilio Rodríguez Vázquez
Vicerreitor do Campus de Ourense da Universidade de Vigo
Deixar unha resposta