PRÓLOGO AO CATÁLOGO “COLECCIÓN ALTERARTE. DEZ ANOS [2004-2014]”, EDS. XOSÉ M. BUXÁN BRAN E IGNACIO GARCÍA GÓMEZ DEL VALLE, DIFUSORA DE LETRAS, ARTES E IDEAS, OURENSE, 2015, PP. 9-10

Quero comezar salientando e, xa que logo, agradecendo, o traballo realizado polo persoal de administración e servizos do campus no apoio técnico e organizativo da sala Alterarte, por todas/os as/os comisarios/as que se ocuparon de cada unha das sesenta e dúas exposicións que acolleu durante estes dez anos esta sala, e por todas/os as/os artistas que protagonizaron esas exposicións e que nos foron legando as súas obras.

Con este catálogo pechamos un ciclo á vez que abrimos unha exposición perenne, pois nas súas follas quedan xa recollidas para sempre todas as obras pictóricas, fotográficas, audiovisuais, escultóricas que dende o ano 2004 ata o ano 2014 se puideron visitar e desfrutar no Campus, na Universidade, na cidade, en Galicia, nesta a “nosa sala”. Pero ¿que é a sala Alterarte?

A profesora María Lameiras entendeu esta sala como “o compromiso coa cultura” e no seu primeiro ano á frote da Vicerreitoría, autoimpoñíase un mandato que deixaba escrito na introdución ao catálogo da sala correspondente aos anos 2007-2010, dicindo: “Debemos aproveitar a inercia creada estes anos para lanzar con máis forza as propostas xeradas polos próximos creadores. Debemos seguir apoiando a artistas que necesiten espazos coma este e seguiremos incansábeis respaldando propostas de calidade”.

Juan Francisco Gálvez, o Vicerreitor que a precedeu, reflexionaba no catálogo que recollía a exposición Utopía, de Olga Méndez (2007), sinalando, “sempre coidamos que este cativo espazo nun dos pavillóns do Campus Universitario de Ourense habería de ser e actuar para o Campus e a cidade de Ourense como unha especie de caixa máxica, de escenario, de faro e miradoiro…”.

Pola súa banda, o pater da Alterarte, o Vicerreitor Andrés Mazaira, afirmaba na introdución do catálogo da exposición O amor eterno pode agardar, do artista Santi Jiménez (2007): “Aspiramos a que esta moi pequena e sinxela sala de exposicións coa que contamos no Campus Universitario de Ourense sexa un espazo referencial para a nova arte galega, e para iso estamos a construír un Alterarte polo que transitan as inquedanzas, as preguntas, as proclamas e as arelas das fornadas máis mozas do país. Porque Alterarte quixo ser dende un principio un espazo que dende a arte nos alterase, é dicir: que nos afastase do sono e nos dirixise cara ao soño, un lugar que nos fixese estar en alerta, espertos, vivos e imaxinativos”.

Tras dez anos, ¿como podería eu definir a sala Alterarte? ¿Como definir un lugar no que se ten concentrado tanta enerxía creativa, tanta rebeldía e transgresión, tanto berro, un lugar-revolución, como definir a Nuno, a Sara Sapetti, a Acisclo, a Maya, José Paz, e un longo etcétera, como definir o traballo entusiasta, titánico ás veces, do persoal da Universidade, os quilómetros percorridos polos comisarios, a ponte entre campus que esta representa, como definir un recanto explosivo, único, tan vivo…?

O poeta lucense Aquilino Iglesia Alvariño escribiu en 1947, en tempos escuros, un poemario titulado “Cómaros verdes”, disque o primeiro libro publicado en Galego trala guerra. E nese poemario incluíase a mellor oración laica xamais escrita,  a “Oración do sapo”, que nunha das súas estrofas di así:

“Dainos, Señor,

un alpendre de sombras e de luar

para cantar.

E un carreiriño de vagalumes

Polas hortas vizosas do teu reino”.

¿Que é a sala Alterarte…? Para min, a sala Alterarte é ese carreiriño de vagalumes, que grazas ás olladas de cada un de vós, artistas e espectadores, estivo a dar luz e alimento durante estes dez anos e que estou certo, comprométome, que continuará a facelo durante moitos anos máis.

Agardo que todas e todos desfrutedes desta exposición en forma de libro,  e que sigades desfrutando da sala Alterarte, do Campus de Ourense, da Universidade de Vigo. Vivat lampyris nocticula in aeternum!

 

En Ourense, a 29 de Xaneiro de 2015

Virxilio Rodríguez Vázquez

Vicerreitor do Campus de Ourense da Universidade de Vigo