Buscar

virxiliorodríguezvázquez

Mes

Abril 2016

Per forma, emotivo

Este blog nace para deixar constancia do discurso público que por diferentes razóns fun construíndo dende hai xa tempo. Recolle as intervencións que como docente, padriño de distintas promocións de estudantes, como vicedecano, e agora como vicerreitor do Campus de Ourense da Universidade de Vigo (dende o 29 de abril de 2014 ata o 8 de xuño 2018), levei e sego a levar a cabo en actos do máis diverso. Para todas elas dediquei un tempo de preparación, ás veces longo e detido, outras, condicionado polo ritmo da axenda, áxil e directo. Son discursos que se caracterizan en todo caso pola inmediatez, elaborados cun fondo sentido do público, e coa responsabilidade de estar representando sempre a algo ou alguén máis alá dun mesmo. Son discursos nos que se ten moi presente a cada unha das persoas que vai asistir a un evento, acto académico, inauguración, etc., pois son elas as protagonistas, para as que se traballa, e para as que se fala. Son discursos que queren fuxir da rutina, de entender estas intervencións coma un mero trámite, e coa convicción, ou alomenos a esperanza, de que a palabra ten un poder transformador, a capacidade de mudar o estado de cousas, de que cando estamos a falar estamos a facer.

Mais a decisión de abrir esta folla líquida na que facer público o que xa foi público, ten que ver coas voces de moitas e moitos que escoitaron ou leron aqueles discursos, aquelas intervencións, aquelas palabras, e que me animaron a abrir un espazo no que deixar visibles permanentemente todos aqueles textos. Trátase, por tanto, de dar resposta ao repenicar nos fíos invisibles de persoas próximas e non tanto, para seguir mantendo a comunicación, para poder lembrar lugares, tempos, para non deixar de crer e de crear.

Por último, este blog cumpre a función de ordenar decenas de textos que doutro xeito posiblemente se acabasen perdendo, xusto no momento en que paso o ecuador á fronte da vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo. Incorpóranse aquí fundamentalmente discursos públicos, aínda que tamén textos escritos xerados dende hai anos. Así, quen se achegue a este blog poderá turrar do fío para desandar o camiño e aproximarse á entrada do labirinto. Porén, para min, non supón unha parada, nin tan sequera un regreso, ao contrario, pretende exercer de panca para continuar na mesma liña, coa mesma ilusión e esperanza, coa mesma forza e paixón, coa mesma dedicación, coa certeza de que a saída sempre está na palabra.

En Ourense, a 29 de abril de 2016

Virxilio Rodríguez Vázquez, sendo Vicerreitor do Campus de Ourense da Universidade de Vigo (dende o 29 de abril de 2014 ata o 8 de xuño de 2018).

Featured post

Sólido Líquido Gasoso

Prólogo Estado Crítico 2016

Estado en constante movemento, fluído incansábel, inesgotábel, permanentemente cambiante. Estamos sen estar. Estado sinestésico, paradóxico, urbano, costumista, simbólico, naturalista, mestiza combinación. Estacións sen reloxo. Estado rebelde, escultórico, pictórico, distópico, asintótico, videográfico, fotográfico, radiográfico, anárquico. Estatus sen sentido. Estado ponderado, deconstructivo, ruidosamente silencioso, minusculamente grandioso, xove, vivo, intuitivo. Estadio sen limiar. Estado de busca, de feitos, de chegada para a partida, de alerta, de ida, de fuxida, de alegría, de creatividade, de sorpresa, independente, radical, ilimitado, reactivo, libre, alternativo, vibrante, locuaz, splash! splash! splash! Estamos só ao falar.

No ano 1955, cando aínda os ouvidos da xente se estaban a recuperar do silencio provocado polas bombas atroces da segunda guerra mundial, un mozo, J. L. Austin, catedrático de filosofía en Oxford, entraba nas aulas da xa prestixiosa Universidade de Harvard para ditar unha serie de conferencias sobre teoría da linguaxe, que serían publicadas postumamente, no ano 1962, baixo o título How to do things with words. A tese fundamental defendida por este autor viña a dicir que nalgúns casos semella que cando se pronuncia unha frase, unha palabra, dentro dun contexto determinado, aquela non se limita a describir o que se está a facer e menos aínda o que se ten feito ou o que se vai facer, senón que coa súa pronuncia xa se está a facer. Así, sinala Austin, cando alguén di “nomeo este barco ‘Queen Elizabeth’” mentres esmaga a botella no casco do buque, non se está a constatar que algo é verdadeiro ou falso, non está a informar sen máis sobre o que está a acontecer, estase facendo algo. Austin propuxo chamarlle a este tipo de enunciados “oracións performativas” (performative sentences) ou “enunciados performativos” (performative utterances). Esa denominación deriva, por suposto, do termo inglés to perform, o verbo que naturalmente tende a utilizarse combinado co substantivo an action (acción). Este termo indica que na emisión da oración está a representación dunha acción, o que xeralmente non é considerado cando simplemente se di algo. Outros termos poden suxerir o que se quere nomear coa verba “performativo”. Por exemplo, moitas expresións performativas son contractuais (“eu aposto que”, en expresión inglesa, “I bet”) ou declarativas (“Declaro a guerra”, en expresión inglesa, “I declare war”). Sen embargo, ningunha delas abarca o que o termo “performativo”. Un termo técnico que se aproxima a este é quizais o de “dispositivo” (operative), tal é como é usado polos xuristas para referirse a aquela parte, por exemplo, aquelas cláusulas, que serven para efectuar a transacción, o que é o seu principal obxecto, e onde o resto do documento meramente relata as circunstancias nas que a transacción é efectuada. Pero “dispositivo” (operative) ten outros significados, que non se corresponden co que realmente se quere chegar a dicir.

Se hai algún lugar para a performatividade, ese é a Universidade. A aula universitaria é o espazo no que a palabra amosa o seu poder transformador. Nel, o docente transmite coñecementos, expón e resolve, se é preciso, problemas, pero sobre todo, fala. E cando fala muda o estado de cousas. A nosa acción coma universitarios está na palabra, na nosa palabra vertida en cada artigo científico, en páxinas de divulgación, en discursos, e sobre todo, perante o alumnado. A consciencia deste feito leva o peso da responsabilidade que sentimos (ou alomenos deberiamos sentir) na nosa función cotiá. A aula é todo menos un mero trámite. O quefacer diario do ensino, unido ás veces á incomprensión social do fenómeno docente, ou ao insuficiente recoñecemento do mesmo non pode levarnos nunca ao conformismo, ao rutineiro, á simplificación. Porén, no grande escenario da aula non hai que agardar por nada, por ninguén. Alí debemos saber que nós estamos a falar e, xa que logo, nós estamos a facer.

A sala Alterarte é un vaso, unha ola, un tupperware, un recipiente transparente que permite ao espectador ver como as “cousas” van cambiando de estado. Despéganse as mans do cristal coma ventosas de ra para ollar a “contorna” de Lidia, Olaia e Julia. O vidro convértese en lupa para descubrir que “ceci n’est pas un mur” graffiteado por Marcos Covelo. Ficamos quedos, “silencio, case en branco”, para escoitarmos a Maya e Marta. Reflíctese a luz tenue dos cadros nun “afterglow” borgiano seguindo a estela de María Covadonga. Sentimos a vibración dentro da botella do eco “transtranstranscendendo…” da voz de Dana Díaz. No seu interior van quedando “mozas, amigos e cans” de José Luis Torrico. E así imos “sustentando a tremoia” de Rosalía Pazo para facer “biopsia dun chasco” con David Crespo. Dentro, no interior, “anónimo e outras falcatruadas”. Finalmente, Buciños e compañía berran “alto!: reivindicamos a forma”. E así, todo volta a empezar.

 

En Ourense, a 9 de abril de 2016

Virxilio Rodríguez Vázquez

Vicerreitor do Campus de Ourense da Universidade de Vigo

Crea un sitio web ou un blogue de balde en WordPress.com.

Subir ↑