PRESENTACIÓN DE “MEU AMIGO, MARTIM CODAX”, CONCERTO DE NADAL DO CAMPUS DEOURENSE, UVIGO, SALA MARIE CURIE DO EDIFICIO POLITÉCNICO, 17 DE DECEMBRO DE 2014, ÁS 20:00 H.

 

Ela, como todos os luns dende había un ano, saíu ben cedo do rañaceos que habitaba e comezou a camiñar entre a multitude que xa a esa hora ateigaba as grandes avenidas. Camiñaba con ritmo decidido, enfundada no seu abrigo, o seu gorro e a súa bufanda de lá que só deixaban albiscar un nariz xoguetón e máis alá, os seus ollos verde-fento. Un taxi a velocidade de vertixe Hey girl! Are you sleeping! Parou en seco. Fronte a ela, do outro lado, erguíase un edificio de cristal e ferro que semellaba auga líquida deixándose caer sobre o asfalto. Pensou no Campus de Ourense, do que marchara cunha bolsa de investigación e ao que estaba decidida a voltar coa tese de doutoramento debaixo do brazo. O claxon dun camión alertouna e de novo emprendeu a marcha entre a xente que a levaba como se fose río abaixo. Pasou xunto ás galerías de arte, despois esquivou aos vendedores de hot dogs, cruzou polo subterráneo, saíu á rúa, comezaba a nevar. Ás 9:00 h. chegou ao destino de todos os días, ao 225 Madison Avenue at 36th Street. Entrou, ensinou a credencial, subiu as vellas escaleiras de madeira, gardou as luvas, o gorro, a bufanda e o abrigo. Ao final da gran sala de teitos infinitos e mobles de principios do s. XX, ocupou cerimoniosamente o seu posto. Con delicadeza achegouse ao manuscrito, que presentaba unha marca ao medio, coma se estivese longo tempo dobrado. Inevitablemente, como todas as mañás, nesa primeira visión da notación musical do vello pergamiño, empezou a soar naquel inmenso espazo da Morgan Library & Museum o mar, o mar de Vigo, o inmenso mar de Vigo… Ese día cumpría 25 anos e mentres unha bágoa esvaraba pola súa meixela, un sorriso firme e orgulloso conquistaba a súa faciana.

Dende o outro lado do Atlántico, dende o Campus de Ourense, aproveitamos a porta que nos ofrecen os Campus irmáns de Vigo e Pontevedra para alongar as rías e facer soar aquí a Martim Codax cunha ollada diferente na esperanza de poder bañarnos nas ondas. Esta viaxe deconstructivista pola historia da música medieval galego-portuguesa é posible grazas ao traballo de todas as xentes de Difusora de letras, artes e ideas e aos grupos de música que integran o proxecto “Meu Amigo Martim Codax”, contando coa necesaria colaboración da Excma. Deputación Provincial de Ourense. Parabéns a todos eles por facer que o poeta regrese a casa.

 

En Ourense, a 5 de decembro de 2014

Virxilio Rodríguez Vázquez

Vicerreitor do Campus de Ourense da Universidade de Vigo

 

 

20141217programa_concerto_nadal_2014_Página_220141217programa_concerto_nadal_2014_Página_1

Díptico. Concerto de Nadal do Campus de Ourense. 2014. pdf