DISCURSO VICERREITOR DO CAMPUS DE OURENSE DA UNIVERSIDADE DE VIGO NO ACTO ACADÉMICO DE GRADUACIÓN DA III PROMOCIÓN DO GRAO EN DEREITO DO CAMPUS DE OURENSE DA UNIVERSIDADE DE VIGO, 5 DE XUÑO DE 2015
Sr. Decano da Facultade de Dereito da Universidade de Vigo, Sr. Decano da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela, Sr. Vicedecano da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo, Sra. Vicedecana da Facultade de Dereito da Universidade de A Coruña, Sra. Directora do Departamento de Dereito Privado, Profesor Doutor Gómez Segade, Prof. Dr. Espada Recarey, copadriño de promoción, Sra. Directora da Escola Superior de Enxeñaría Informática, Sra. Decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, Sra. Vicedecana da Facultade de Ciencias, Sras. Vicedecanas e Secretaria da Facultade de Dereito, ex Decanos e Decanas da Facultade de Dereito, Directora da Escola de Enfermaría, Claustro de profesores, persoal de administración e servizos, alumnado, autoridades, señoras e señores.
Neste 2015 a Universidade de Vigo está a cumprir 25 anos de existencia. Foi no ano 1989 cando culminou o proceso que conduce á creación das Universidades de A Coruña e Vigo, que entón se suman á secular Universidade de Santiago de Compostela. Iníciase no ano 1990 un camiño propio, da man do daquela Reitor da Universidade de Vigo, o Prof. Dr. D. Luis Espada Recarey, que hoxe nos honra coa súa presenza e a quen agradezo moito, moitísimo que estea aquí connosco. Neste período de tempo, no que á fronte da institución estiveron 4 Reitores máis, José Antonio Rodríguez, Domingo Docampo, Alberto Gago e Salustiano Mato, cos seus respectivos equipos, esta Universidade ten experimentado cambios extraordinarios, unha transformación en positivo que, seguramente para moitos, era daquela inimaxinable.
Hoxe, a Universidade de Vigo conta con tres Campus consolidados en tres cidades de referencia, Ourense, Pontevedra e Vigo. Ten máis de 22.000 estudantes e xestiona un orzamento de 165 millóns de euros anuais. Conta con 1593 profesores e investigadores e con 744 persoas de administración e servizos, que desempeñan a súa principal actividade nun total de 21 centros propios, aos que hai que sumar aínda os centros adscritos.
Somos unha Universidade con titulacións consolidadas, auténtica referencia no ámbito estatal, e cunha investigación de excelencia en moitos ámbitos de coñecemento, como queda referendado no feito de que por terceiro ano consecutivo, a Universidade de Vigo teña entrado no ránking Times Higher Education das 100 mellores universidades do mundo con menos de 50 anos, ocupando o posto 88 ano. Camiñamos cara a internacionalización, non só facilitando as estadías dos nosos propios estudantes a través de distintas clases de bolsas, senón tamén dos cada vez máis numerosos convenios bilaterais con decenas de universidades. Interactuamos co tecido empresarial e coas institucións a través dos convenios de cooperación educativa que permiten que o alumnado realice prácticas externas no último curso de grao e experimente xa durante os seus estudos, o exercicio da profesión. Pero tamén queremos darlles continuidade a través de formación específica con títulos de mestrado, programas de doutoramento, ou creando fiestras de oportunidade como por exemplo os Premios INCUVI-Emprende, cos que fomentamos o emprendemento e a creación de novas empresas por parte do alumnado de último ano ou recén egresados.
Somos unha Universidade comprometida co País, con Galicia, por iso entendemos que as tres Universidades e os sete campus que conformamos o Sistema Universitario Galego, debemos buscar equilibrios e puntos de entendemento para sermos máis útiles á sociedade á que nos debemos. A este fin responde o proceso de especialización por Campus, iniciado hai aproximadamente dez anos atrás coa posta en marcha do Campus do Mar, no Campus de Vigo, xa plenamente consolidado, e continuando ao amparo da Lei 6/2013, de 13 de xuño, do Sistema Universitario de Galicia, co Campus da Auga, no Campus de Ourense, e máis recentemente co Campus Crea, en Pontevedra.
Neste Campus de Ourense, que ademais de manter as titulacións actuais aspira a seguir medrando, queremos converternos en referencia en materia de auga, medio ambiente e desenvolvemento sostible. Son xa bastantes os títulos de grao e posgrao que están enmarcados nesta liña, estamos a traballar nun programa de doutoramento específico para o campus que teña como eixo central a auga, son moitos os grupos de investigación que están a desenvolver aquí o seu traballo, está en marcha o I Congreso Internacional da Auga, que se celebrará no mes de setembro deste ano en Ourense, e que quere ser un foro científico estable nesta cidade. Hai que salientar que neste proceso están implicados todos os centros, os seis que hoxe configuran o Campus, pero tamén aqueles que se incorporarán ou se crearán. Entre todos eles, a Facultade de Dereito segue a sumar grazas ao esforzo colectivo do profesorado e persoal de administración que a integra, liderado por un equipo decanal comprometido e xeneroso. Así, tras a implantación no curso 2009/2010 do grao en Dereito, a mellora ten sido constante, chegando recentemente á modificación do plano de estudos para corrixir, en parte, aqueles puntos que precisaban melloras, e creando a Mención de “Unión Europea e Desenvolvemento sostible”, incorporándose, xa que logo, ao proxecto de futuro para este Campus. Nesa mellora continua, esta Facultade xunto coa Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo amosáronnos como o camiño do entendemento pode xerar sinerxías que redundan en beneficio da institución e, o máis importante, do alumnado. E así, dende o presente curso, impártese a simultaneidade dos Graos de Dereito e Administración e Dirección de Empresas, configurados de tal xeito que un estudante pode obter os dous títulos universitarios nun período de cinco anos.
Somos unha Universidade forte, consciente de que con menos temos que facer máis, cunha cultura do esforzo única e que sumando imaxinación e competencia, tentamos crear instrumentos que nos permitan salvar os enormes, poderíase dicir, xigantescos obstáculos que hoxe en día, e xa van uns cantos anos, constitúen as limitacións á contratación no sector público, a taxa de reposición do 50%, ou a contención do gasto no Capítulo I contemplados nas leis de orzamentos do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia para este ano 2015. Esta Universidade cumpre sobradamente cos requisitos establecidos na Lei de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira. Somos unha Universidade solvente, cunha plantilla docente e investigadora xoven, que precisa de promoción, que precisa medrar. E esta necesidade de consolidación e captación de persoal hai que entendela con carácter instrumental, na visión de que a Educación de alto nivel, a investigación, a innovación que nós xeramos é o único que nos pode salvar como sociedade.
Mentres tanto temos que seguir cara adiante, tendo en conta o traballo que realizaron a prol desta institución dende diferentes postos e, tamén, con diferentes ópticas, os que nos precederon. Aquí representados magnificamente polos 5 decanos e decanas que nalgún momento lideraron esta Facultade de Dereito e aos que queremos recoñecer neste acto. Facultade de Dereito da que forma parte xa, para sempre, o Prof. Dr. Gómez Segade, que vén incorporarse a un claustro honorífico cheo de estrelas do Dereito. Benvido a esta túa casa.
Temos que seguir cara adiante, na certeza de que o papel que nos corresponda desempeñar nun determinado momento é efémero, pero coa conciencia de sentirnos durante ese tempo imprescindibles, pois é así como esta Universidade avanza. Temos que seguir cara adiante, porque o compromiso de servizo público que asumimos non debe verse quebrado por nada, nin por ninguén, xa que está por riba de todas as cousas. Temos que seguir cara adiante porque da Universidade, desta Universidade depende, en definitiva, todo un futuro.
Dixen.
En Ourense, a 5 de xuño de 2015
Virxilio Rodríguez Vázquez
Vicerreitor do Campus de Ourense da Universidade de Vigo