Buscar

virxiliorodríguezvázquez

Mes

Setembro 2014

Rolda de prensa Fito 2014

ROLDA DE PRENSA DE PRESENTACIÓN DO “7.º FESTIVAL INTERNACIONAL DE TEATRO DE OURENSE”, CONCELLO DE OURENSE, 26 DE SETEMBRO DE 2014.

A Universidade de Vigo, e en particular o Campus de Ourense, ten un compromiso claro coa cultura, en todas as súas dimensións. Acaba de saír do prelo a relación de actividades culturais que a Universidade, neste Campus, pon, para este curso 2014-2015 a disposición de toda a comunidade Universitaria, pero non só, pois están abertas a toda a cidadanía de Ourense.  Temos obradoiros e cursos de gaita galega, de cociña saudable, de cine, danza… pero sobre de todo, temos obradoiros de teatro a diferentes niveis. Só neste Campus, e grazas a un traballo intenso durante anos, de Sarabela e as súas xentes, contamos con catro  grupos de teatro estables, que se nutren fundamentalmente por universitarios. Son grupos que conectan actividade académica con cultural, universidade con cidade, e Ourense co mundo.

¿E por que o teatro?

Esta 7.ª edición do FITO coincide co aniversario dos 450 anos do nacemento de William Shakespeare.  E revisitando a Shakesperare un pode atopar no prólogo que Vítor Hugo, outro excelso dramaturgo francés, escribiu na obra de Hamlet, a resposta a esa pregunta. Dia así:

¿Para que precisa Shakespeare un monumento? A estatua que se ten levantado a si mesmo, sobre o pedestal de Inglaterra enteira, vale máis que ningún. Shakespeare non precisa pirámides: ten a súa obra. ¿Hai bóveda máis indestrutíbel que a que forman Conto de inverno, A tempestade, As alegres comadres de Windsor? ¿Haberá monumento máis grandioso que O Rei Lear, ou máis terríbel que O mercader de Venecia, ou máis deslumbrador que Romeo e Xulieta, ou máis rico que Ricardo III? ¿Hai algunha lúa que poida alumear este edificio con luz máis misterioso que a de Soño dunha noite de verán? ¿Que capital, aínda a mesma Londres, é quen de producir ao seu redor un ruído tan xigantesco como o da tumultuosa alma de Macbeth? Non hai construción que dure o que o alento profundo do xenio. ¿Que edificio iguala a un pensamento?. A pirámide de Keops é máis pequena que Homero, A Giralda de Sevilla é anana ao carón de Cervantes, San Pedro de Roma non chega aos talóns de Dante. Non pode construírse unha torre que sexa tan alta como o nome de Shakespeare.

Velaí a necesidade de creación cultura, de teatro.

Grazas.

 

En Ourense a 26 de setembro de 2014

Virxilio Rodríguez Vázquez

Vicerreitor do Campus de Ourense da Universidade de Vigo

 

Mulleres e homes de Shakespeare

Mulleres e homes de Shakespeare

PRESENTACIÓN DO “7.º FESTIVAL INTERNACIONAL DE TEATRO DE OURENSE”, OURENSE, DO 5 AO 17 DE OUTUBRO DE 2014.

Cando esmorecen as últimas noites de verán, Ourense-upon-Miño prepárase para as novas tempestades que traerá o cambio de estación. Queda tempo ate chegar a ler un conto de inverno, mentres tanto, o sétimo Festival Internacional de Teatro de Ourense ofrécenos refuxios nos diferentes recunchos da cidade para escoitar as voces, sempre novas, da escena. Tamén neste Campus de Ourense da Universidade de Vigo, transmutado nun pequeno Covent Garden, terá presenza o eco de artistas como Wajdy Mouawas e Patrice Tribaud, e de compañías como Chévere, Titzina, Voadora, Tshok Cultura Emocional, entre outras moitas.

Na conmemoración do 450 aniversario máis especial para á arte dramática internacional, a Universidade de Vigo a través da Vicerreitoría do Campus de Ourense, suma esforzos ao equipo de Sarabela e ás demais entidades colaboradoras do FITO 2014 para reactivar por uns días aos Shakespeare’s boys e que poidan así gardar os cabalos ás portas dos teatros.

 

En Ourense, a 14 de setembro de 2014

Virxilio Rodríguez Vázquez

Vicerreitor do Campus de Ourense da Universidade de Vigo

 

20140914programa_fito_2014_Página_120140914programa_fito_2014_Página_220140914programa_fito_2014_Página_320140914programa_fito_2014_Página_4

 

Tríptico. Programa Fito. 2014. pdf

Rolda de prensa Fito 2014

Blog en WordPress.com.

Subir ↑