Buscar

virxiliorodríguezvázquez

Mes

Xuño 2014

Acto de graduación da II promoción do Grao en Dereito da Facultade de Dereito do Campus de Ourense da Universidade de Vigo

DISCURSO DO VICERREITOR DO CAMPUS DE OURENSE DA UNIVERSIDADE DE VIGO NO ACTO ACADÉMICO DE GRADUACIÓN DA II PROMOCIÓN DO GRAO EN DEREITO DA FACULTADE DE DEREITO, SALA MARIE CURIE, EDIFICIO POLITÉCNICO, OURENSE, 6 DE XUÑO DE 2014

 

Sr. Decano da Facultade de Dereito da Universidade de Vigo,  Sra. Decana da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo, Sr. Decano da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela,  Sra. Secretaria da Facultade de Dereito da Universidade de A Coruña, Profesor Doutor José Ramón Parada Vázquez, Sra. Directora do Departamento de Dereito Público, Sr. Decano da Facultade de Ciencias, Sra. Directora da Escola Superior de Enxeñaría Informática, Vicedecanas da Fac. de Ciencias Empresariais, madriña e padriño de promoción, voceiros dos alumnos, claustro de profesores, alumnos da II promoción do grao en Dereito, persoal de administración e servizos, autoridades, miñas donas, meus señores.

O meirande poeta norteamericano de todos os tempos interpelaba ao lector en modo imperativo dicindo: “Non deixes que remate o día sen ter medrado un pouco, (….) sen ter aumentado os teus soños, (…) non abandones as ansias de facer da túa vida algo extraordinario (….)”.

A Facultade de Dereito desta Universidade, a casa que dalgún xeito hoxe os alumnos desta segunda promoción do grao deixades, vén marcando dende hai tempo retos ambiciosos, ousados, que co traballo constante dos diferentes equipos directivos ata chegar ao actual, liderado polo seu Decano, ten ido conquerindo.

No curso 2009/2010 implantouse o grao en Dereito, o que supuxo a adaptación dos estudos impartidos ao Espazo Europeo de Educación Superior e que implicou, ademais, un cambio de paradigma na metodoloxía docente, na xestión académica e no funcionamento do centro. Un cambio non exento de dificultades, para todos, pero que se teñen, en boa medida, solventado. Proba diso é que dende a súa implantación ata hoxe o número de solicitantes de novo ingreso supera, ano tras ano, en moito o número de prazas ofertadas. Ademais, esta segunda promoción perante a que hoxe estamos é unha proba clara da consolidación deste grao neste Campus.

Pero esta Facultade non asumiu só o reto de implantar un grao en Dereito que quedase nunha simple transformación dos antigos estudos de licenciatura. Nese proceso de cambio, en coordinación coa Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, e co obxectivo de sermos útiles ao sistema universitario galego, xa no plano de estudos orixinario se estableceron dúas mencións específicas nesta Facultade que permiten aos nosos estudantes conquerir unha especialidade que os diferenza e lles dá un valor engadido.

Na senda de seguir medrando, con sentido da responsabilidade e visión estratéxica de conxunto demostra camiñar este centro cando na recente modificación do plano de estudos crea a Mención de “Unión Europea e Desenvolvemento sostible”, incorporándose, xa que logo, ao proxecto de futuro para este Campus que é a súa especialización a través do chamado Campus da Auga e que dá cumprida conta ao requirido na recente Lei do Sistema Universitario de Galicia.

Especialización na que a Facultade de Dereito non só conflúe na súa vertente docente, senón tamén na investigadora, sumando activos aos clústeres de investigación do Campus da Auga e traballando en proxectos vinculados ao medio ambiente, ao desenvolvemento sostible e á xestión da auga como recurso.

Ten aumentado os seus soños coa implantación xa no vindeiro curso da simultaneidade do Grao de Administración e Dirección de Empresas e do Grao en Dereito, froito do traballo conxunto e dialogado de dúas Facultades que comparten edificio e servizos e que polo tanto posúen o entorno ideal para que esta simultaneidade, que comezará ofertándose con 20 prazas, sexa todo un éxito.

Así pois esta Facultade é un exemplo de como se traballa neste campus e de como queremos que sexa o futuro deste Campus e desta Universidade, un lugar de diálogo e cooperación, na procura de novos retos, novos soños, co obxectivo sempre de mellorar o conxunto do sistema universitario de Galicia.

¿Como foi e como é isto posible?

Isto é posible grazas ao esforzo inmenso dos traballadores desta Facultade, desta Universidade. É o seu compromiso coa Res Pública, o seu exercicio firme, constante e incondicional da función pública, a súa entrega pese ás dificultades o que fai posible esta milagre que é o ensino universitario de calidade aberto a todos e a todas. De modo que aínda que o recoñecemento non debe quedar só en palabras, disto somos conscientes no goberno da Universidade e reclamamos a outros que tamén o sexan, permitídeme que hoxe faga uso, polo menos da palabra, para agradecervos a vos, persoal docente e investigador, persoal de administración e servizos, compañeiros desta Facultade, por extensión, deste Campus, o voso esforzo titánico e apaixonado.

O Resultado dese esforzo pódese cuantificar en cifras e datos, aos que en parte xa aludín anteriormente, e non temos ningún medo a proporcionalos, pero que ninguén se engane, esa milagre vai máis alá de números fríos e calculados. Materialízase en cada un dos alumnos que hoxe, aquí, se sentan nesas bancadas. Vos sodes o espello no que vemos reflexado este inmenso esforzo, convosco aquí e agora a nosa función cobra pleno significado.

Alumnas e alumnos, o reloxo de área chegou ao seu fin… pero ¿que agochan as áreas? De certo que as areas destes catro anos agochan horas de estudo, traballos, silencios, bágoas, sorrisos, moita festa, bibliotecas. As areas agochan, seguro, a preocupación e esperanzas, os desexos dos vosos pais e nais, das vosas familias.

Pois ben, está nas vosas mans cambiar o sentido do reloxo, darlle a volta, e ver como de novo comezan a pingar, aos poucos, eses grans de área, sen deterse. Por ese motivo vou rematar cun comezo, completando as palabras de Walt Whitman coas que empecei:

 

“Non deixes que remate o día sen ter medrado un pouco,

sen ter sido feliz, sen ter aumentado os teus soños.

Non te deixes vencer polo desalento.

Non permitas que ninguén te quite o dereito a expresarte,

que é case un deber.

Non abandones as ansias de facer da túa vida algo extraordinario.

Non deixes de crer que as palabras e as poesías

si poden cambiar o mundo”.

 

Dixen.

 

En Ourense, a 5 de xuño de 2014

Virxilio Rodríguez Vázquez

Vicerreitor do Campus de Ourense da Universidade de Vigo

 

 

Acto de graduación dos Graos en Educación Infantil e en Educación Primaria do Campus de Ourense da Universidade de Vigo

DISCURSO VICERREITOR DO CAMPUS DE OURENSE DA UNIVERSIDADE DE VIGO NO ACTO ACADÉMICO DE GRADUACIÓN DOS GRAOS EN EDUCACIÓN INFANTIL E EN EDUCACIÓN PRIMARIA DA FACULTADE DE CIENCIAS DA EDUCACIÓN, AUDITORIO MUNICIPAL, OURENSE, 14-XUÑO-2014

 

Sra. Decana da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo, membros do equipo decanal, madriña de promoción, padriños de promoción, voceiros dos alumnos, claustro de profesores, alumnos das promoción do grao en educación infantil e do grao en educación primaria, persoal de administración e servizos, autoridades, miñas donas, meus señores.

O escritor Peruano, Mario Vargas Llosa, no seu discurso de aceptación do premio Nobel, titulado “Eloxio da lectura e da ficción”, comezaba dicindo: “Aprendín a ler aos cinco anos, co meu mestre do colexio La Salle, en Cochabamba (Bolivia). É a cousa máis importante que me ten pasado na vida. Case setenta anos despois lembro con nitidez como esa maxia, traducir as palabras dos libros en imaxes, enriqueceu a miña vida, rompendo as barreiras do tempo e do espazo e permitíndome viaxar co capitán Nemo vinte mil leguas de viaxe submarina, loitar xunto a d’Artagnan, Athos, Porthos e Aramis contra as intrigas que ameazan á Raíña nos tempos do sinuoso Richelieu, ou arrastrarme polas entrañas de Paris, convertido en Jean Valjean, co corpo inerte de Marius ás costas. A lectura convertía o soño en vida e a vida en soño (…)”.

A formación e exercicio profesional do mestre na Universidade de Vigo presenta unha longa tradición. A propia Facultade de Ciencias da Educación no Campus de Ourense herda unha ampla traxectoria que ten o seu arranque nas Escolas normales e que desenvolve durante décadas, con distintos cambios, ata chegar aos nosos días.

O cambio máis recente vén da man da adaptación dos plans de estudos dos maxisterios ás esixencias marcadas polos principios reitores do espazo europeo de educación superior e polas normativas estatais que regulan o exercicio profesional dos mestres en educación infantil e dos mestres en educación primaria. Os equipos decanais da Facultade de Ciencias de Educación desta Universidade, baixo o liderado da que durante anos exerceu como decana deste centro, a profesora Mercedes Suárez Pazos, xunto co persoal docente e investigador, e o persoal de administración e servizos, levaron a cabo un extraordinario traballo de transformación dos antigos plans de estudos nos novos títulos de grao que comezan a dar os seus froitos. Aquel labor que continúa a nova dirección do centro, coa súa decana á fronte, presente hoxe, aquí, ante a sociedade as promocións do grao en Educación Infantil e do Grao en Primaria, en definitiva, os mestres do futuro.

O significante con que se vos designa, mestre, explícase, polo menos para min, por si só. E no meu caso particular ese significante tráeme significados moi concretos. Cando digo mestre volven a min coma flashes imaxes da infancia, de neno, de patio de escola, de letras, números… de tempos no que o complexo era sinxelo. Cando digo mestre, vexo ao meu pai e a miña nai, cada un con cadansúa pila de exercicios, de folios escritos dos seus alumnos, nun recuncho da casa, corrixindo, nomeando aos cativos, preparando a aula da seguinte xornada mentres a luz do día esmorece. Cando digo mestre vénme a memoria un soño adolescente, unha aspiración, un desexo vocacional inexplicable de chegar a ser docente. Cando digo mestre, ollo para vos e vexo reflexado o que son.

Mais ese significante, ese título que hoxe portades, transcende ao individual, vai moito máis alá. Hoxe, a Universidade de Vigo, neste Campus, presenta á sociedade un conxunto de persoas dispostas a entregar o seu tempo, as súas enerxías, o seu saber á construción dende a base, dunha sociedade libre e xusta. Pese a quen pese aquí, dende a Administración Pública, dende esta casa dedicada a formar, a crear e transferir coñecemento, que é a Universidade, hoxe dicimos que sodes máis necesarios ca nunca. Ese paso aparentemente tan simple e que co transcurso do tempo nos semella case insignificante, ao que se refería o premio Nobel no seu discurso, aprender a ler, encerra en si mesmo unha auténtica milagre, unha transformación vital única, incomparable, inigualable. Detrás desa metamorfose, que Vargas Llosa describe como a cousa máis importante que lle ocorreu na vida está e estará, incluso para un premio Nobel, sempre un mestre.

Xa que logo, mestres e mestras, sabede que vos tedes a capacidade e, polo tanto, a responsabilidade, de incidir no individuo, no átomo social, que é cada cativo e cativa, ata chegar á sociedade no seu conxunto. Esta terra quere pobo e vos sodes os arquitectos da alma deste pobo.

En vos confiamos, o voso éxito será o noso.

 

Dixen.

 

En Ourense, a 14 de xuño de 2014

Virxilio Rodríguez Vázquez

Vicerreitor do Campus de Ourense da Universidade de Vigo

Acto de graduación dos Graos en Educación Social e en Traballo Social do Campus de Ourense da Universidade de Vigo

 ISCURSO DO VICERREITOR DO CAMPUS DE OURENSE DA UNIVERSIDADE DE VIGO NO ACTO ACADÉMICO DE GRADUACIÓN DOS GRAOS EN EDUCACIÓN SOCIAL E EN TRABALLO SOCIAL DA FACULTADE DE CIENCIAS DA EDUCACIÓN, DE 14 DE XUÑO DE 2014

 

Sra. Decana da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo, membros do equipo decanal, madriña de promoción, padriños de promoción, voceiros dos alumnos, claustro de profesores, alumnos das promoción do grao en educación social e do grao en traballo social, persoal de administración e servizos, autoridades, miñas donas, meus señores.

“Chámase necesario a aquelo que é causa cooperante sen a cal é imposible vivir. (…) Condicións, sen as que o ben non podería nin ser nin chegar a ser, ou sen as que non se podería prever o mal, nin librarse del” (Aristóteles, Matafísica, Libro V).

Os Ministros de Economía mundiais fan previsións de crecemento do PIB dos países desenvolvidos para este ano e o que vén. Baixa a prima de risco, incrementaranse as exportacións, andamos na senda do crecemento. Demandan emprendemento, máis tecido empresarial, máis e mellor produción.

O Informe PISA da OCDE mídenos con centenares de parámetros dicíndonos para que valemos e para que non, tennos suspendido para a vida real, e agora preténdese resolver a situación con reválidas, exames, probas de nivel para situar a cada quen no seu sitio, pois é necesario competir.

O MIT (o instituto tecnolóxico de Massachusetts) publicou no seu informe anual TR10, os dez avances tecnolóxicos que despuntarán en 2014 e que deixarán unha pegada incomparable neste ano, xa que resolven problemas actuais, ou crean novas formas de empregar a tecnoloxía: drones, smartphones ultraprivados, chips neuromórficos, robots áxiles, autómatas con capacidade de camiñar e correr en terreos desiguais aos que outras máquinas non poden chegar, adentrándose así a lugares onde a vida humana estaría exposta e en risco.

Unha sociedade de vertixe, célere, fugaz, que se move baixo o imperativo de avanzar rápido, máis rápido, sen parar.

Pero ¿para qué?

A Facultade de Ciencias de Educación desta Universidade, a vosa casa, afrontou aproximadamente hai seis anos o reto de adaptar as súas titulacións ao Espazo Europeo de Educación Superior. Ese traballo, que implicou ao persoal docente e investigador, así como ao persoal de administración e servizos deste centro, aos sucesivos equipos decanais, en definitiva, ao esforzo de moitas persoas, deu lugar a implantación, entre outros, dos graos en educación social e traballo social, que completan agora o círculo presentando perante a sociedade ás súas primeiras promocións.

No caso do grao en Educación social, afrontábase o reto de transformar unha diplomatura nuns estudos de catro anos que respondesen á demanda social e que se puidesen impartir no duro contexto económico no que nos vimos obrigados a facer a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior. Como título universitario é relativamente recente, aínda que herda unha longa tradición profesional, ao aglutinar diversos perfiles como educación especializada, educación de adultos e terceira idade, animación sociocultural, pedagoxía do ocio e animación sociolaboral. Como reza a memoria do título, o obxectivo fundamental do grao en educación social é a formación de profesionais que sexan capaces de xerar contextos educativos e accións mediadoras e formativas que permitan tanto a incorporación das persoas coas que se traballa na diversidade das redes sociais, entendidas como o desenvolvemento da sociabilidade e da circulación social, así como a promoción cultural e social, entendida como a apertura a novas posibilidades de adquisición de bens culturais, que amplíen as perspectivas educativas, laborais, de ocio e participación social.

No caso do grao en Traballo social, a transformación partía duns estudos con maior tradición, xa que teñen a súa orixe no século dezanove e evolucionan á par do desenvolvemento do estado moderno. Precisamente é a implantación do Estado social, hoxe lamentablemente nun claro proceso de contracción, no que os traballadores sociais consolidan a súa posición. Unha profesión dedicada e comprometida a fomentar o benestar do ser humano e potenciar a súa realización, así como a desenvolver e aplicar, tanto os coñecementos científicos relativos ás actividades humanas, como os servizos sociais para satisfacer as necesidades e aspiracións de individuos e grupos, tendo sempre en conta a promoción da política social.

Pois ben, hoxe, a Universidade de Vigo, esta Universidade que tamén contribúe con centros de investigación tecnolóxica, con grupos punteiros en investigación biomédica, en investigación aeroespacial, que neste propio campus desenvolverá investigación sobre enerxía hidráulica, sabedora de que todo isto debe ter un sentido máis alá do puramente utilitario, do meramente práctico, presenta ante a sociedade aos e ás profesionais, ás persoas, que están formadas para darnos a resposta a aquela pregunta do principio, todo isto ¿para que?

Vos, graduados e graduadas en educación social e en traballo social, tedes a responsabilidade de levar a cabo unha intervención educativa no ámbito non formal, de xeito permanente, para facer entender que toda acción ten sentido en tanto en canto conte con outros. Vos tedes nas vosas mans a capacidade e as competencias para facer entender que as verbas participación, comunidade, asociación, cambio e transformación social, identidade, non deben ficar adormecidas nas páxinas inertes de calquera dicionario. Ante un discurso científico-economicista único, que xeraliza e se refire a obxectos abstractos, que descompón e desnaturaliza ao ser humano, vos tedes nas vosas mans a comprensión do funcionamento da organización social, o fomento das relacións sociais, integradoras e libres, tedes nas vosas mans a capacidade de identificar e facernos comprender cal é e onde se atopa o verdadeiro valor do Necesario.

Xa que logo, parabéns a cada un de vos, graduados e graduadas, ás vosas familias, a esta Facultade, a este Campus, a esta Universidade que é a nosa, polo éxito acadado. E por extensión parabéns á sociedade no seu conxunto, pois hoxe, convosco, comeza a ser máis libre, máis igual, máis xusta.

Dixen.

 

En Ourense, a 14 de xuño de 2014

Virxilio Rodríguez Vázquez

Vicerreitor do Campus de Ourense da Universidade de Vigo

 

Acto de graduación na Facultade de Ciencias do Campus de Ourense da Universidade de Vigo

DISCURSO VICERREITOR DO CAMPUS DE OURENSE DA UNIVERSIDADE DE VIGO NO ACTO ACADÉMICO DE GRADUACIÓN NA FACULTADE DE CIENCIAS, SALÓN MARIE CURIE, EDIFICIO POLITÉCNICO, OURENSE, 13 DE XUÑO DE 2014

 

Sr. Decano da Facultade de Ciencias da Universidade de Vigo,  Sra. Vicesecretaria do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas, padriño de promoción, voceiros dos alumnos, claustro de profesores, alumnos das promoción do grao en ciencias ambientais, do grao en enxeñaría agraria, do grao en ciencia e tecnoloxía dos alimentos, do mestrado en ciencia e tecnoloxía dos alimentos, da licenciatura de físicas, persoal de administración e servizos, autoridades, miñas donas, meus señores.

A Facultade de Ciencias desta Universidade, a casa que dalgún xeito hoxe moitos de vos deixades, afrontou aproximadamente hai seis anos o reto de adaptar as súas titulacións ao Espazo Europeo de Educación Superior buscando a renovación dos seus estudos e creando outros novos. Ese traballo, que implicou ao persoal docente e investigador, así como ao persoal de administración e servizos deste centro, aos sucesivos equipos decanais, en definitiva, ao esforzo de moitas persoas, deu lugar a implantación de tres graos que están a dar os seus resultados como reflicte o feito de estarmos aquí celebrando a primeira graduación de dous deles e a segunda do terceiro.

Ese reto de adaptación e creación deu lugar a coexistencia de tres títulos que responden, dende o meu punto de vista, a dúas ideas forza: equilibrio e contextualización.

O grao en enxeñaría agraria, que herda estudos de longa tradición en España, ten como principal obxectivo formar a profesionais que xestionen a produción en liñas e plantas de procesado coa finalidade de obter produtos agrarios e agroalimentarios de calidade e economicamente rentables. Polo tanto, dáse aquí e dende o punto de vista tradicional dos estudos de enxeñaría agrícola, unha relación co medio que podemos cualificar de antropocéntrica. É dicir, búscase o desenvolvemento e aplicación de tecnoloxía que incidirá directamente no medio, para poñelo ao servizo das persoas.

Pola súa parte, o grao en ciencias ambientais, presenta estudos con menor tradición histórica porque precisamente xorden a partir da evolución das sociedades avanzadas cara unha toma de conciencia maior sobre o medio ambiente, a preservación dos ecosistemas, e a protección da biodiversidade. Responden así a unha demanda social crecente, que ten atopado reflexo tamén nunha batería de normas nacionais e internacionais, e que require a formación de profesionais cunha visión multidisciplinar e global da problemática medioambiental. Velaquí unha aproximación ao medio que podemos cualificar de ecocentrista, pois o referente para intervir na natureza non é o ser humano, mais o contrario, é o propio medio natural e é en función deste sobre o que pivotan as estratexias de tratamento dos recursos naturais, reciclaxe e tratamento de residuos, xestión e tratamento das augas. Búscase proporcionar a formación científica e tecnolóxica adecuada en torno ao medio ambiente, tanto dende o punto de vista da xestión e conservación, como no que concirne á súa recuperación en caso de degradación.

Pero lonxe de haber unha contradición, de opoñer unha visión econcentrista a unha visión antropocéntrica do medio, estes dous graos teñen atopado camiños de entendemento, de equilibrio, ata o punto de ser un reflexo nas aulas universitarias, unha especie de ensaio a pequena escala, do que debe entender a sociedade, especialmente a galega, na súa relación co medio. A produción agropecuaria ten que ir da man da conservación do medio ambiente, e á súa vez, a conservación do medio non debe impedir unha explotación sostible dos recursos naturais en beneficio directo da sociedade.

Xunto ao equilibrio hai outra idea forza que sustenta os graos e mestrados que aquí se imparten, a súa adecuada contextualización. Por unha parte, o peso da produción agrícola en Galicia segue sendo moi importante, pois as actividades do sector primario concentran aproximadamente o 10% da poboación activa, o que supón estar por riba do dobre da media estatal (situada nun 5,3%)[1]. En 2012 a rama agraria e pesqueira supuxo o 4,4% do PIB Galego[2]. A industria agroalimentaria galega céntrase especialmente na industria láctea, cárnica, fabricación de produtos de alimentación animal e elaboración de bebidas. O Valor engadido bruto xerado pola agroindustria en Galicia supón un 5,91% do total do complexo agroalimentario español. Un dos subsectores máis importantes segue a ser, pese ás enormes dificultades ás que se ten enfrontado nas últimas décadas, o sector lácteo. En Galicia concéntranse máis de 10.000 explotacións lácteas, que representan nada máis e nada menos que a metade das explotacións lácteas do estado e o 35% da cota láctea total. O 50% do emprego que xera esta actividade económica en toda España sitúase en Galicia e supera en volume de negocio os 900 millóns de Euros[3].

Dende o punto de vista medioambiental, Galicia caracterízase por ser un territorio cunha rica e variada diversidade biolóxica que hoxe semella atopar protección normativa e que se concreta en proxectos como a Rede Galega de Espazos Protexidos, cincuenta espazos integrados na Rede natura 2000, formada polas Zonas de Especial Protección de Aves (ZEPA), Zonas de Especial Conservación (ZEC), cinco reservas da biosfera, seis parques naturais, destacando o Parque Nacional das Illas Atlánticas[4].

Pero esta realidade non está exenta de problemas e dificultades. O peso da agricultura galega amosa unha tendencia regresiva, producida en boa medida debido a unha baixa produtividade. Esta baixa produtividade segue a ter, aínda hoxe, unha das súas principais explicacións na escasa dimensión territorial que por termo medio posúen as explotación galegas. Outro problema do sector agrario é que está sufrindo no seu conxunto dende fai anos un incremento do prezo dos inputs que empregan, encarecendo os costes produtivos, sen subida de prezos de produción, coa consecuente diminución das marxes de explotación. A reducida productividade tamén está presente na industria agroalimentaria, debido outra vez ao reducido tamaño empresarial, xa que o 90% das empresas do sector son pequenas e medianas empresas que non superan os 9 asalariados, en moitos casos con reducida capacidade de innovación. No sector lácteo, o horizonte da súa liberalización en 2015, coa supresión do sistema de cotas, xerará, sen dúbida, graves problemas.

E que dicir dos problemas no ámbito medioambiental, ligados en boa medida ao despoboamento en zonas rurais, que conducen á perda da diversidade biolóxica e paisaxística, incremento do risco de incendios, erosión do chan.

Pois ben, é neste contexto, e sobre o equilibrio ao que antes me refería, onde son necesarios máis ca nunca estes graos, onde é necesaria máis ca nunca o labor extraordinario dos docentes e persoal investigador desta facultade e, por último e máis importante, onde sodes necesarios vos, graduados e graduadas do grao en enxeñaría agraria, do grao en ciencias ambientais, do grao en ciencia e tecnoloxía dos alimentos, complementados polos titulados do mestrado, por certo, con mención de excelencia, en ciencias e tecnoloxía agroalimentaria. Vos estades formados para enfrontarvos aos retos e demandas profesionais que, por certo, non son retos individuais, son retos colectivos, son retos de país. En boa medida, do voso facer, da vosa forma de entender a realidade, da vosa forma de moldeala, dependerá a supervivencia dos modos de vida desta comunidade. Unha grande responsabilidade que vos confiamos e para a que sempre, a Universidade de Vigo no Campus de Ourense, estará disposta a acompañar e axudar, pois as portas desta casa sempre estarán abertas para vos.

Por último, pero non por iso menos importante, quero ter unhas palabras para a última promoción do título de Licenciatura en Físicas. Vos sodes herdeiros directos dunha das disciplinas académicas máis antigas, unha disciplina nobre, cuxos avances resoan noutros ámbitos da ciencia, nas matemáticas, na propia filosofía. Ser os últimos licenciados é un feito diferencial que estou seguro vos dará máis oportunidades, dalgún xeito sodes únicos. E como vos sabedes mellor ca min, a enerxía, a vosa, a das vosas familias, pero tamén a dos vosos docentes e a dos investigadores desta facultade non se crea nin se destrúe, transfórmase. Agardemos que o Consello Galego de Universidades así tamén o entenda.

Xa que logo, parabéns a cada un de vos, graduados e graduadas, mestres, licenciados e licenciadas, as vosas familias, a esta Facultade e a este Campus polo éxito acadado.

 

Dixen.

 

En Ourense, a 13 de xuño de 2014

Virxilio Rodríguez Vázquez

Vicerreitor do Campus de Ourense da Universidade de Vigo

 

[1] Datos extraídos de Programa de desenvolvemento rural de Galicia. 2007-2013, publicado en maio de 2012, pola Xunta de Galicia e o Ministerio de agricultura, alimentación e medio ambiente.

[2] Dato extraído do Instituto Galego de Estatística http://www.ige.eu/estatico/estat.jsp?ruta=html/gl/DatosBasicos/DB_Sector_agrario.html [consultado en 12/06/2014]

[3] Datos extraídos de Programa de desenvolvemento rural de Galicia. 2007-2013, publicado en maio de 2012, pola Xunta de Galicia e o Ministerio de agricultura, alimentación e medio ambiente.

[4] Islas Cíes declaradas Patrimonio de la Humanidad por la UNESCO [en línea], [consultado en: 12/06/2014] http://www.abc.es/local-galicia/20131118/abci-islas-cies-patrimonio-humanidad-201311182241.html

Parque Nacional de las Islas Atlánticas [en línea], [consultado en: 12/06/2014] http://www.iatlanticas.es  http://www.turgalicia.es/zonas-de-proteccion-e-lugares-de-interese http://www.medioruralemar.xunta.es/fileadmin/arquivos/conservacion_natureza/plan_director_rn2000/0_Plan_Director_Rede_Natura_2000.pdf

http://www.turgalicia.es/zona-especial-proteccion-de-aves-zepa

http://www.abc.es/local-galicia/20131118/abci-islas-cies-patrimonio-humanidad-201311182241.html A ZEPA é unha categoría de protección de carácter europeo que é otorgada ás áreas naturais de especial relevancia para a conservación das aves, particularmente as que están ameazadas de extinción. Para este obxetivo é primordial a conservación dos seus hábitats coas condicións medioambientais necesarias para o descanso, reproducción e alimentación das mesmas. ZEPA [en línea], [consultado en: 12/06/2014],  http://www.turgalicia.es/zona-especial-proteccion-de-aves-zepa

 

Graduación da II promoción do Grao en Xeografía e Historia do Campus de Ourense da Universidade de Vigo

DISCURSO DO VICERREITOR DO CAMPUS DE OURENSE DA UNIVERSIDADE DE VIGO NO ACTO ACADÉMICO DE GRADUACIÓN DA II PROMOCIÓN DO GRAO EN XEOGRAFÍA E HISTORIA DA FACULTADE DE HISTORIA, SALA EMILIA PARDO BAZÁN, EDIFICIO DE FACULTADES, OURENSE, 6 DE XUÑO DE 2014

 

Sra. Decana da Facultade de Historia da Universidade de Vigo, padriño de promoción, voceiros dos alumnos, claustro de profesores, alumnos da segunda promoción do grao en Historia, persoal de administración e servizos, autoridades, miñas donas, meus señores.

A historia é o futuro. Seguramente Doc se dirixiría a Marty MacFly, como en “Regreso ao futuro”, para dicirlle que esa afirmación sitúanos nun paradoxo espazo-temporal sen solución. Nembargante, eu seguiría afirmando que a Historia é o futuro.

Esta facultade ten demostrado abondo que cre no futuro, e isto reflíctese nas constantes melloras ás que someteu o Grao en Xeografía e Historia, que, anovado, seguirá a impartirse no vindeiro curso académico.

A implantación do Grao no curso 2009/2010 supuxo a adaptación dos estudos impartidos ao Espazo Europeo de Educación Superior e implicou, ademais, un cambio de paradigma na metodoloxía docente, na xestión académica e no funcionamento do centro. Un cambio non exento de dificultades, para todos, pero que se teñen, en boa medida, solventado. Proba diso é que dende a súa implantación ata hoxe o grao en Historia conta cunha elevada demanda social, segue someténdose a procesos de mellora. Ademais, esta segunda promoción perante a que hoxe estamos é unha proba clara da consolidación deste grao neste Campus.

Pero a aposta polo futuro desta Facultade non só se limita a estudos de grao, senón que se completa con estudos de posgrao, co Máster Universitario en historia, territorio e recursos patrimoniais, ampliado recentemente co Máster en Valoración, Xestión e Protección do Patrimonio Cultural, vinculado a un Programa de doutoramento en Protección do Patrimonio, que destacan por ser uns estudos interdisciplinares, semipresenciais, e por abrir portas á especialización e empregabilidade; así como o Máster Interuniversitario en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade, impartido conxuntamente coa Universidade de Santiago de Compostela.

Na senda do futuro, con sentido da responsabilidade e visión estratéxica de conxunto, demostra camiñar este centro cando se ten incorporado ao proxecto do Campus da Auga, non só coa adaptación dos seus títulos ás liñas mestras que guían a especialización do Campus, senón tamén na súa vertente investigadora e divulgativa, sumando activos aos clústeres de investigación do Campus da Auga e traballando en ideas vinculadas ao medio ambiente, á xestión da auga como recurso, e que se visibilizan, por exemplo, no proxecto  AQVATempo, conxunto de textos e imaxes, que percorren a relación entre o home e a auga a través dos tempos, e que amosan as posibilidades de diálogo entre a Historia, a Arte e a Xeografía e o Campus da Auga.

Así pois esta Facultade é un exemplo de como se traballa neste campus e de como queremos que sexa o futuro deste Campus e desta Universidade, un lugar de diálogo e cooperación, na procura de novos retos, novos soños, co obxectivo sempre de mellorar o conxunto do sistema universitario de Galicia.

¿Como foi e como é isto posible?

Isto é posible grazas ao esforzo inmenso dos traballadores desta Facultade, desta Universidade. É o seu exercicio firme, constante e incondicional da función pública, a súa entrega pese ás dificultades o que fai posible esta milagre que é o ensino universitario de calidade aberto a todos e a todas. De modo que aínda que o recoñecemento non debe quedar só en palabras, disto somos conscientes no goberno da Universidade e reclamamos a outros que tamén o sexan, permitídeme que hoxe faga uso, polo menos da palabra, para agradecervos a vos, persoal docente e investigador, persoal de administración e servizos, compañeiros desta Facultade, por extensión, deste Campus, o voso esforzo apaixonado.

O Resultado dese esforzo pódese cuantificar en cifras e datos, aos que en parte xa aludín anteriormente, e non temos ningún medo a proporcionalos, pero que ninguén se engane, esa milagre vai máis alá de números fríos e calculados. Materialízase en cada un dos alumnos que hoxe, aquí, se sentan nesas bancadas. Vos sodes o espello no que vemos reflexado este inmenso esforzo, convosco aquí e agora a nosa función cobra pleno significado.

Alumnas e alumnos, hoxe, quizais, se baixe o pano da escena, se apaguen as luces, e se faga a noite. Unha noite que agocha horas de estudo, traballos, silencios, bágoas, sorrisos, festas, bibliotecas. Tamén, de seguro, a preocupación e esperanzas, os desexos dos vosos pais e nais, das vosas familias. Mais tomando emprestadas as palabras de Díaz Castro, poeta lucense, ao que este ano se lle adican as letras galegas, habedes saber que “a noite é necesaria para que poidades ver sobre o medo e o mal as estrelas arder”.

Remato cun siloxismo. Se a historia é o futuro, e esta é unha Facultade de Historia a conclusión, alumnos e alumnas é que o futuro é voso.

Dixen.

 

En Ourense, a 5 de xuño de 2014

Virxilio Rodríguez Vázquez

Vicerreitor do Campus de Ourense da Universidade de Vigo

Crea un sitio web ou un blogue de balde en WordPress.com.

Subir ↑