DISCURSO VICERREITOR DO CAMPUS DE OURENSE DA UNIVERSIDADE DE VIGO NO ACTO ACADÉMICO DE GRADUACIÓN DA III PROMOCIÓN DO GRAO EN ENXEÑARÍA INFORMÁTICA, DO MESTRADO EN ENXEÑARÍA INFORMÁTICA E DOS NOVOS DOUTORES DA ESCOLA SUPERIOR DE ENXEÑARÍA INFORMÁTICA, 11 DE XUÑO DE 2015

Sra. Directora da Escola Superior de Enxeñaría Informática, Sras. e Sres. Subdirectores e Secretario desta Escola, padriño de promoción, persoal de administración e servizos, graduadas e graduados, señoras e señores.

Isaac Asimov, na obra titulada “Eu, robot”, puxo sobre a mesa diversos dilemas éticos e xurídicos de difícil solución. Trátase dunha colección de pequenos relatos ambientados nun mundo futuro no que os avances tecnolóxicos permiten o desenvolvemento de robots que conviven con seres humanos. En cada relato, Asimov propón un dilema ao que se enfrontan os protagonistas, e no que subxacen temas universais: a liberdade e autonomía da vontade e os seus límites, a exploración da idea de libre albedrío versus determinismo, a psicoloxía da conduta, a automatización, a evolución, a temporalidade, a idea de finitude. En síntese, trátase de confrontar a máquina ao ser humano, e saber como poderá responder aquela en cada situación, moitas delas límite. A solución que dá o autor concrétase nas chamadas Leis da robótica, conxunto de normas escritas que se materializan en formulacións matemáticas impresas nos sendeiros positrónicos do cerebro dos robots, en definitiva, liñas de código de programa. Estas leis son: 1. Un robot non fará dano a un ser humano ou, por omisión, permitir que un ser humano sufra dano. 2. Un robot debe obedecer as ordes dadas polos seres humanos, excepto se estas ordes entrasen en conflito coa primeira lei. 3. Un robot debe protexer a súa propia existencia na medida en que esta protección non entre en conflito coa primeira ou a segunda lei.

Tres Leis, coma tres principios, claros, simples, ben articulados, directos e fáciles de entender. Cos que ademais todas as situacións quedan cubertas. En definitiva, unha formulación para un mundo perfecto, pois diso tamén trata esta obra, da perfección.

A perfección é algo do que sabe moito esta Escola de Enxeñaría Superior de Informática. Hai seis anos atrás que se implantou o Grao en Enxeñaría informática que vén ser unha continuidade dos tradicionais estudos de Enxeñaría. Os resultados non só son positivos, senón que evolucionan favorablemente. A taxa de rendemento do título, que representa a dificultade coa que os estudantes superan as materias nas que se matriculan, acadou o 60%, incrementándose en 20 puntos porcentuais respecto dos datos acadados no curso 2009/2010. A taxa de abandono é inferior ao 14%, mentres que a taxa de éxito do título é superior, no curso 2012/2013 ao 70%. As e os graduados en Enxeñaría Informática seguro que han ter as mesmas facilidades de inserción laboral que os seu antecesores nesta Escola, cunha colocación no seu primeiro ano de egreso superior ao 90%. A perfección tamén se revela no feito de que recentemente este centro superase de xeito brillante, diría que exemplar, a auditoría externa á que foi sometido, o que lle permitiu certificar o seu Sistema Interno de Garantía da Calidade. Un selo que avala o bo facer dos seus docentes, do persoal de administración e servizos, tamén do alumnado, contando cunha maxistral guía nas mans da súa directora e o seu equipo directivo. E nesa procura constante da perfección a Escola de Enxeñaría segue a dar pasos importantes, como o demostra o éxito acadado, neste curso académico, da simultaneidade entre o Grao en Enxeñaría Informática e o Grao en Administración e Dirección de Empresas. Cubríronse prazas, sendo a demanda superior a oferta. Trátase dunha simultaneidade única na Universidade de Vigo e singular no sistema universitario de Galicia, da que estamos orgullosos e que revela como o traballo colaborativo entre os centros redunda en beneficio dos mesmos e, sobre todo, do alumnado.

O traballo que se está a facer dende esta Escola inspira ao Campus e a Universidade de Vigo, que neste 2015 está a cumprir 25 anos de existencia. Foi no ano 1989 cando culminou o proceso que conduce á creación das Universidades de A Coruña e Vigo, que entón se suman á secular Universidade de Santiago de Compostela. Iniciouse un camiño da man de cinco reitores que xunto cos seus equipos e o apoio da comunidade Universitaria, puxeron os alicerces para que esta Universidade teña experimentado cambios extraordinarios, unha transformación en positivo que, seguramente, para moitos, era daquela inimaxinable.

Hoxe, a Universidade de Vigo conta con tres Campus consolidados en tres cidades de referencia, Ourense, Pontevedra e Vigo. Ten máis de 22.000 estudantes e xestiona un orzamento de 165 millóns de euros anuais. Conta con 1593 profesores/as e investigadores/as e con 744 persoas de administración e servizos, que desempeñan a súa principal actividade nun total de 21 centros propios, aos que hai que sumar aínda os centros adscritos.

Somos unha Universidade con titulacións consolidadas, auténtica referencia no ámbito estatal, e cunha investigación de excelencia en moitos ámbitos de coñecemento, como queda referendado no feito de que por terceiro ano consecutivo, a Universidade de Vigo teña entrado no ránking Times Higher Education das 100 mellores universidades do mundo con menos de 50 anos, ocupando o posto 88. Camiñamos cara a internacionalización, non só facilitando as estadías dos nosos propios estudantes a través de distintas clases de bolsas, senón tamén dos cada vez máis numerosos convenios bilaterais con decenas de universidades. Interactuamos co tecido empresarial e coas institucións a través dos convenios de cooperación educativa que permiten que o alumnado realice prácticas externas no último curso de grao e experimente xa durante os seus estudos, o exercicio da profesión. Pero tamén queremos darlles continuidade a través de formación específica con títulos de mestrado, programas de doutoramento, ou creando fiestras de oportunidade como por exemplo os Premios INCUVI-Emprende, cos que fomentamos o emprendemento e a creación de novas empresas por parte do alumnado de último ano ou recén egresados.

Somos unha Universidade comprometida co país, por iso entendemos que as tres Universidades e os sete campus que conformamos o Sistema Universitario Galego, debemos buscar equilibrios e puntos de entendemento para sermos máis útiles á sociedade á que nos debemos. A este fin responde o proceso de especialización por Campus, iniciado hai aproximadamente dez anos atrás coa posta en marcha do Campus do Mar, no Campus de Vigo, e continuando co Campus da Auga, no Campus de Ourense, e máis recentemente co Campus Crea, en Pontevedra.

Pero non somos unha Universidade perfecta. Claro que non. Ás veces por causas propias, internas, pois nunha organización tan importante, dende todos os puntos de vista, tamén os cuantitativos, entra dentro da lóxica a posibilidade de errar. As veces por causas esóxenas, porque os obstáculos normativos cos que hoxe en día nos atopamos xunto con outras Universidades públicas constitúen xigantescas barreiras: así, a limitación á contratación no sector público, a taxa de reposición do 50%, ou a contención do gasto no Capítulo I contemplados nas leis de orzamentos do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia para este ano 2015, impiden responder adecuadamente ás demandas lexítimas dos nosos docentes, investigadores/as, e en definitiva á demanda do noso alumnado e da sociedade no seu conxunto.

A pesar desas dificultades temos a obriga legal e moral, comprometidos co servizo público ao que nos debemos, de seguir mellorando, de aspirar á perfección. E nese camiño é preciso buscar a inspiración, se o preferides, á motivación para seguir dando pasos firmes e decididos. Entre as motivacións que nos empurran a continuar, vós, graduadas/graduados da terceira promoción do grao en enxeñaría informática e da segunda promoción do máster en enxeñaría informática ocupades un lugar moi especial. Vos sodes o motivo fundamental desta institución e dos que traballamos nela. E a estas alturas, non me cabe a menor dúbida de que estades formados tecnicamente, de que tedes as destrezas para programar, xerar códigos e melloralos, de que coñecedes en profundidade a arquitectura de ordenadores, pois sei do voso esforzo nun centro que é referente en calidade do ensino nesta Universidade. Pero detrás desa formación técnica hai moito máis. Inclínome por pensar que o obxecto que nos move e que promovemos dende unha Institución Pública de ensino superior como é o caso, é poñer os recursos, os nosos son estes que aquí estades, que aquí estamos, ao servizo, neste caso, da inclusión dixital, da democratización das posibilidades de acceso ás tecnoloxías da información, alí onde vos toque traballar.

Xa que logo, hoxe é un día no que cómpre transmitirvos os parabéns a vos, que culminades unha etapa crucial nas vosas vidas, ás vosas familias, por suposto á Escola Superior de Enxeñería Informática, por extensión a este Campus e a esta Universidade, pero sobre todo á sociedade, pois acollerá, agardemos que como se merece, ás persoas que precisamente por dominar as tecnoloxías da información e comunicación teñen na súa man o poder, cada vez maior, de facer que camiñemos cara unha sociedade máis libre e igual.

Permitídeme por último facer unha mención especial aos dous novos doutores desta Universidade. É un orgullo que esta Universidade xere neste caso a doutores no ámbito da enxeñería informática. Recoñecemos neste acto, publicamente, o enorme traballo, sacrificio, esforzo que fixestes para chegar ata aquí. Os meus máis sinceros e elevados parabéns.

Aspirar á perfección… Sen embargo, ¿Pode un robot infrinxir algunha das súas tres leis? ¿Pode un robot “danar” un ser humano? A resposta a estas preguntas depende de nós, pero sobre todo de vós, que é a quen vos corresponde escribir a Historia do Futuro.

Dixen.

En Ourense, a 11 de xuño de 2015

Virxilio Rodríguez Vázquez

Vicerreitor do Campus de Ourense da Universidade de Vigo