Buscar

virxiliorodríguezvázquez

Mes

Setembro 2015

Á procura de UNISON

PRESENTACIÓN DE “UNISON, MÚSICA NO CAMPUS”, PROGRAMA ESTABLE DE MÚSICA NO CAMPUS DE OURENSE, UVIGO, 21 DE SEPTEMBRO DE 2015

 

A Universidade debe ser o espazo de produción cultural máis importante dun pobo. Nel, as científicas e os científicos do país dedican as súas vidas a coñecer canto nos rodea e o que somos; nel construímos futuro a partir dos recursos máis valiosos; dende el transferimos á cidadanía todo canto acadamos, canto xeramos, canto sabemos.

Mais a Universidade é tamén o espazo da creación en todas e cada unha das súas múltiples formas. Neste Campus de Ourense, dende hai xa vinte cinco anos, foméntase e atráese a capacidade creativa, próxima e afastada, profesional e amateur, ortodoxa e heterodoxa. E así, calquera que bote a ollada cara atrás, atopará as probas dunha tarefa titánica de programación cultural que sumou e continúa a sumar dentro e fóra, para ben de toda a comunidade.

Hogano, o Campus de Ourense conta cunha programación da chamada extensión universitaria consolidada, que queremos, no entanto, seguir mellorando e completando. O espectador que se achegue ao ronsel de actividades previstas dende esta Vicerreitoría poderá identificar con facilidade os bloques artísticos nos que queremos ter presenza. Así, hai un apartado para as artes escénicas, danza e teatro, constituíndo este último a nosa punta de lanza con nomes propios como Maricastaña, Cordelia e Rosaura; hai un apartado para as artes plásticas, avalado polos recentemente cumpridos dez anos da Sala Alterarte; e agora, neste curso 2015-2016, propoñémonos tamén dar cabida, con maiúsculas, á música, poñendo a andar un novo programa: UNISON.

UNISON é o nome que recibe o programa musical que con vocación de estabilidade e permanencia se organiza dende a Vicerreitoría do Campus de Ourense para todo o curso académico. Haberá un ciclo de concertos por cuadrimestre, coa pretensión de ofrecer unha actuación musical cada mes nalgún espazo do Campus de Ourense. Achegaremos propostas diferentes no que a estilos musicais se refire, transitando dende o pop ao folk, pasando pola clásica, visitando o rock, a música tradicional, o blues, e cantos outros xéneros poidades e queirades imaxinar. Música interxeracional, na que se combinarán artistas e grupos xa consolidados con novas realidades ou proxectos incipientes. UNISON será unha fiestra para a música feita en Galicia, sempre aberta ao mundo, aberta a coñecer -a partir da propia realidade- outras formas de facer e de sentir.

UNISON fálanos, pois, dunha conxunción de xentes diversas que se xuntan formando unha mesma voz. UNISON suxírenos a forza universal do propio son, do orixinal, do diferente. UNISON reivindica a pertenza ao territorio ao que nos une o palpitar de cada notación musical. UNISON é unha chamada á cidadanía para que se apropie da súa Universidade, visitándoa en cada un dos concertos. UNISON reafírmanos na nosa identidade como universitarias e universitarios, sempre ao servizo da sociedade na que nos inserimos.

Agardamos que vos sumedes ao UNISON, asistindo, participando en cada actuación musical, pero tamén suxerindo as propostas musicais que vos gustaría que a Universidades de Vigo, neste Campus de Ourense, incorporase ao programa nas súas sucesivas edicións. Estaremos atentos, pois, aos desexos que nos fagades chegar a vicou@uvigo.es. Mentres, aquí atoparedes os primeiros pasos deste camiño que queremos construír ao unísono convosco.

Virxilio Rodríguez Vázquez

Vicerreitor do Campus de Ourense da Universidade de Vigo

En Ourense, a 21 de setembro de 2015

20150921programa_unison_2015_pagina_3

20150921programa_unison_2015_pagina_2

20150921programa_unison_2015_pagina_1

20150921programa_unison_2015_pagina_4

Presentación UNISON 2015.pdf

Ante a luz que adormece

PRESENTACIÓN DO “8.º FESTIVAL INTERNACIONAL DE TEATRO DE OURENSE”, OURENSE, DO 2 AO 12 DE OUTUBRO DE 2015.

On: a pantalla devólveo todo. Hoxe, sen deglutir, ás 15:00 h., ás 21:00 h., cando a acendas, verás valados, trens que chegan ou non chegan, miradas atónitas de cativos xigantes, superviventes, verás berros e lanzas, o horror que coma un búmerang sempre regresa á casa.

Off: ao apagar as luces, cando a escena escurece, na sala espida, na soidade da platea, comezan a repetirse coma rumoreos as palabras que nos salvan: poesía, liberdade, amor… mentres, os teus ollos seguen a espreitarme.

Nos comezos deste século XXI, incrédulos ante o que está a pasar diante das nosas facianas, apagamos as luces nun recuncho do Campus de Ourense da Universidade de Vigo para, alongando os nosos pescozos como xirafas, poder mirar, un ano máis, á realidade fito a FITO.

En Ourense, a 21 de setembro de 2015

Virxilio Rodríguez Vázquez

Vicerreitor do Campus de Ourense da Universidade de Vigo

Blog en WordPress.com.

Subir ↑