Buscar

virxiliorodríguezvázquez

Mes

Xuño 2016

Sinfonía n.º 7

DISCURSO DO PADRIÑO DA IV PROMOCIÓN DO GRAO EN DEREITO DA FACULTADE DE DEREITO. SALÓN DE ACTOS DO ED. POLITÉCNICO DO CAMPUS DE OURENSE, UVIGO, 10 DE XUÑO DE 2016, ÁS 18:00

 

Decana da Facultade de Dereito, Decano Honorífico, autoridades académicas, Excmo. Sr. Presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, copadriño de promoción –sabes que é un pracer compartir esta honra contigo- claustro de profesores, persoal de administración e servizos, alumnas e alumnos, autoridades civís, señoras e señores.

No verán de 1941 o avance das tropas alemanas sobre o territorio de Europa do leste era imparable. Aproveitando a boa climatoloxía, as facilidades do terreo e certo factor sorpresa, os exércitos do eixo avanzaron implacables ata chegar a Leningrado. Alí, as tropas soviéticas, xunto coa poboación da cidade, fixéronse fortes, contendo o avance do inimigo. Aquela era máis ca unha cidade, máis ca un simple nome, máis que outro territorio, era un símbolo. O 8 de setembro comezou o cerco de Leningrado, ao cortarse o último aceso por terra, cun asedio que en pouco tempo deixou á cidade sen auga, sen alimentos, coa destrución de escolas, hospitais, baixo intensos bombardeos, sumida na escuridade, no caos, no horror. Nese dramático escenario, un xovencísimo compositor chamado Dmitri Chostakovitch, iniciaba os traballos da Sinfonía n.º 7. Pouco tempo despois, o músico xunto coa súa muller e fillos foron evacuados da cidade, trasladándose á capital temporal do país, Kuibichev, na que Dmitri continuou cos traballos de composición de forma intensa, pechado, concentrado, ata que o 27 de decembro de 1941 concluíu, nun tempo record, a devandita Sinfonía. Estreada ao ano seguinte na Unión Soviética, deseguido chegou a Londres para dar o salto aos Estados Unidos, interpretándose en Nova Iorke, para levar a Chostakovitch nada máis e nada menos que a ser portada da Revista Time. O efecto da Sinfonía n.º 7 en plena segunda guerra mundial foi unha sorte de tsunami musical, xerando un frenesí e interese inaudito pola obra, que chegou a ser disputada por diferentes orquestras e directores, multiplicándose o fenómeno cando en agosto de 1942, nunha sorte de desafío aos tanques e metrallas das tropas alemanas, a orquestra da Radio de Leningrado regresou á cidade rompendo o cerco para alí, no corazón da desolación, interpretar a Sinfonía n.º 7, retransmitida simultaneamente nas radios europeas e americanas, e soando sen parar tamén nas radios inimigas.

A Sinfonía n.º 7 é unha composición de corte clásico. Divídese, como corresponde a este xénero musical, en catro grandes movementos, comezando o primeiro en forma de sonata, nun ritmo relativamente áxil, para pasar a un segundo movemento quizais máis curto pero en todo caso lento. Un Adagio domina o terceiro, para chegar a un último movemento áxil, rápido e vibrante, que remata cun final maxestoso. Catro movementos que condensan, cada un deles, distintos momentos, vivencias, sentimentos, esforzos, como catro anos de vida como catro anos de carreira universitaria. Poden parecer hoxe lonxanos aqueles primeiros días nos que entraban na Facultade de Dereito expectantes, tal vez algo indecisos, tenteando o terreo. Pero enseguida esta promoción deu signos de que sería todo menos unha promoción calquera, menos unha promoción máis. Espoliados por certos elementos digamos activos e activas, chegaron a segundo curso formando xa parte do corpo desta Facultade. Foi precisamente nese segundo curso onde tiven a oportunidade de impartirlles clase de Dereito penal e disfrutar con vostedes de clases vivas e participativas, algo que ten que ver co docente, pero moito co alumnado, coas dinámicas de grupo que se xeran. Naquelas aulas nunca faltou o debate, dende as cuestións de base da materia pero sobre as que sempre hai que volver, como por exemplo, “Funcións e fins da pena”, “Límites do ius puniendi”, “Fontes do Dereito penal”, ata aspectos dogmáticos relativos á teoría do delito ou das súas consecuencias xurídicas. Aqueles mércores e xoves tocaba espertar nas primeiras horas da mañá con teorías sobre causalidade, imputación obxectiva, dolo obxectivamente malo, e un longo etcétera. Mais as súas inquedanzas foron máis alá, sempre máis alá. Iso quedou posto de manifesto cando nese curso académico e no seguinte, coincidindo co meu paso polo vicedecanato da facultade, sendo decano o Prof. Roberto Bustillo, emprendemos a activación da delegación de alumnos e doutras iniciativas vinculadas a un espazo que, daquela, estaba practicamente morto. Nesa reactivación dun pulmón fundamental do centro, que hoxe constitúe un referente para o propio campus, tiveron que ver moitísimo vostedes, esta xeración, os seus delegados e delegadas, que demostraron unha extraordinaria capacidade de liderazgo, pero todo o colectivo, toda a promoción, que se sumou ás actividades que comezaron a poñerse en marcha. Xa en terceiro curso, incrementáronse os traballos de aula e tamén os extraescolares. Un ritmo que coma un último movemento dunha sinfonía se fai máis vivo en cuarto curso, no que suman a gala dos premios San Raimundo de Peñafort, cursos de inglés para xuristas, cursos de saídas profesionais, participación e iniciativas solidarias, magosto da facultade, e un longo etcétera, incluída unha viaxe a Madrid, para visitar o Tribunal Supremo e as Cortes Xerais. Tiven a sorte de acompañalos, xunto co Decano, e disfrutar, ao tempo que aprender, durante aqueles dous días no outono madrileño. E naquela viaxe chamoume a atención algo que non é habitual, non é frecuente. A cohesión do grupo, do colectivo, da aula. Sendo moitos e moitas de vostedes tan distintos, o que se podía detectar alí, pero tamén aquí é a tendencia que teñen a sumar, a incorporar, a colaborar. A forza do colectivo, nos momentos bos, e nos que non son tan bos, incluso naqueles casos nos que son capaces de sentarse e recoñecer un erro, eis o seu grande valor, o seu grande acerto, a meirande lección que eu aprendín de vostedes.

O movemento máis importante da Sinfonía n.º 7, o máis extraordinario, é curiosamente o primeiro. Un Allegretto, que ten inicio cunha melodía en unísonos de cordas, aparentemente  sen acompañamento, marcado dende o comezo por ritmos dunha marcha, pasando a continuación a un tema máis lírico, cun tempo máis lento, presentado polos violíns e acompañado por un movemento calmo e oscilante dos violonchelos e das violas. A corda está a transitar por un camiño habitual e nada extravagante, ata que de súpeto fai entrada en escena unha frauta pícolo. Tras un silencio, a caixa irrompe na base, sutilmente, ao lonxe, case imperceptible, como enmarcando a escena do cadro no que van aparecendo en constante diálogo, nun bucle melódico que nos lembra ao Bolero de Ravel, diferentes instrumentos, do máis diverso. Óboe e fagot, trompas apoiadas no piano, clarinetes que conversan co corno inglés. Nun ritmo ternario vaise sumando o resto da orquestra, pedindo case danzar, crecendo en forza, mentres a percusión medra en intensidade. O ruxir das caixas chámanos a marcar cos nosos pés e mans o ritmo, un ritmo colectivo, un ritmo vibrante, un ritmo vivo, ata facer da melodía repetida un exercicio de orquestración única, sublime, fantástica.

Chámovos, pois, alumnos e alumnas da IV promoción do Grao en Dereito da Universidade de Vigo a que non deixedes de imaxinar, de crear, de dialogar, de interpretar, chámovos a que non deixedes de crer no estudo, na ciencia, na arte, na palabra, chámovos a que non deixedes de ser conscientes da sinfonía, da anterior, pero da que comeza agora, e da que ha vir despois, da música tenue, que seguro xa está a soar nos vosos tímpanos, da música libre que aínda está por escribir, pois só así será posible evitar calquera cerco que vos queiran impoñer.

Dixen.

 

En Ourense, a 10 de xuño de 2016

Virxilio Rodríguez Vázquez

Vicerreitor do Campus de Ourense da Universidade de Vigo

 

Acto de graduación da IV promoción do Grao en Dereito do Campus de Ourense da Universidade de Vigo

DISCURSO DO VICERREITOR DO CAMPUS DE OURENSE DA UNIVERSIDADE DE VIGO NO ACTO ACADÉMICO DE GRADUACIÓN DA IV PROMOCIÓN DO GRAO EN DEREITO, 10 DE XUÑO DE 2016

 

Sra. Decana da Facultade de Dereito da Universidade de Vigo, Sr. Decano Honorífico, Excmo. Sr. Presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, copadriño de promoción, Decana da Fac. de Ciencias Empresariais e Turismo, Decana da Facultade de Historia, Decano da Fac. de Ciencias, Vicedecanas e Vicedecanos, ExReitor da Universidade de Vigo –Prof. Dr. Espada Recarey-, claustro de profesores, persoal de administración e servizos, alumnas e alumnos, autoridades, señoras e señores.

A Universidade de Vigo é unha institución realmente nova, pois como universidade autónoma vén de cumprir no 2015, 25 anos de existencia. Pero a pesar desa xuventude, son moitos os logros acadados, pudendo afirmar que o camiño que se estivo a construír neste breve espazo temporal é sólido e ben articulado. Exemplo deste proceso pode ser o Campus de Ourense, que xunto cos campus de Vigo e de Pontevedra configura un triángulo máximo que no sur de Galicia, permite establecer un diálogo académico co Norte de Portugal, e liderar as estratexias de coordinación coas universidades do noroeste peninsular.

O Campus de Ourense conta hoxe con seis facultades e escolas, que imparten un total de 12 títulos de grao que abranguen todos os ámbitos de coñecemento. De tal maneira que neste campus universitario, o potencial alumno ou alumna, pode atopar estudos de grao do ámbito de humanidades, pasando polo xurídico-social, ou movéndose ao científico e tamén tecnolóxico. Lonxe de minguar, o Campus de Ourense, en tempo realmente difíciles, está en disposición de incrementar a súa oferta académica para o curso 2016-2017, no que ademais de contar coa escola de Enfermería, actualmente centro adscrito que agardemos se poidan incorporar en breve definitivamente á Universidade de Vigo, pasará a albergar un centro máis, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, no que a partir do vindeiro curso se impartirá o Grao en Enxeñaría Aeroespacial. A incorporación dunha titulación única no Sistema Universitario de Galicia, case que exclusiva no noroeste peninsular, cunha demanda extraordinaria de estudantes, ao ser só 10 universidades máis en todo o Estado as que a imparten, constitúe un auténtico fito para a Universidade de Vigo e, en particular, para este Campus de Ourense. A consecución desta titulación débese ao traballo intenso do Reitor, da xunta de titulación comandada polo Prof. José Antonio Vilán, e da estrutura de goberno desta universidade que atopou colaboración no goberno autonómico e nas empresaras máis achegadas a este sector de actividade. Pero tamén se debe a lealdade e xenerosidade de todas as facultades e escolas deste campus, que apoiaron no seu momento a través do Consello de Campus a posta en marcha do proceso para conquerir este novo centro e esta nova titulación. Estou convencido que esta incorporación permitirá que medremos cuantitativa e cualitativamente, vén a sumar, facendo ao campus, en definitiva, a todos os centros e títulos un pouco máis fortes, se cabe.

Esa lealdade institucional non se entende só en clave interna, senón que se traslada ao territorio e á cidadanía á que como administración pública nos debemos. Así, co obxectivo de seguir a mellorar dende a nosa posición o Sistema Universitario de Galicia, a Universidade de Vigo foi pioneira no proceso de especialización por Campus, sendo precisamente o Campus de Vigo o primeiro en consolidar este proceso a través do chamado Campus do Mar. Nese camiño, ocupa xa unha posición destacada o Campus de Ourense que no ano 2014, co compromiso de todos os centros que o configuran, os seus equipos de goberno e o seu persoal, apostou decididamente pola especialización no xa recoñecido Campus da Auga. Durante este dous anos, tense executado máis do 50% do plan estratéxico de especialización do campus, nas súas diferentes áreas de actuación. Sen afán de exhaustividade, cabe salientar na área de investigación, a celebración do I Congreso Mundial da Auga, que reuniu en Ourense durante o mes de setembro de 2015, a máis de 200 expertos internacionais para debater sobre termalismo e calidade de vida dende o punto de vista arqueolóxico e de valorización do patrimonio, científico-experimental, economía e turismo, etc. Xa está en marcha o II Congreso Mundial da Auga, que se celebrará desta volta en outubro de 2016, e que versará sobre secas e inundacións. Ao mesmo tempo o Campus da Auga ten colaborado coa CHMS para presentación dun proxecto interrexional Galicia-Norte de Portugal a unha convocatoria Europea, co que se aspira a obter fondos para investigación e desenvolvemento por valor superior a 2 millóns e medio de Euros. No ámbito da innovación educativa e divulgación, consolidamos como días de portas abertas o día mundial da auga, celebrado entorno o 22 de marzo, e que nesta edición atraeu a máis de 400 escolares ao noso campus universitario para coñecer de primeira man instalacións, titulacións e formas de facer. Estamos a traballar nun segundo Symposium sobre termalismo e calidade de vida para o ano 2017, con polo tanto, de carácter bianual, e en breve poremos en marcha premios para traballos científicos que versen sobre auga, para diferentes niveles, dende TFG, pasando por TFM, ata chegar a teses de doutoramento e, incluso artigos publicados polos docentes e investigadores en revistas científicas. No ámbito académico, estamos na última fase do proceso para implantar no curso 2017-2018 o programa de doutoramento “Auga, Sustentatibilidade e Desenvolvemento”, que aglutina a máis de 120 investigadores de todos os ámbitos de coñecemento, aos seis centros do campus Universitario e cuxa memoria foi elaborada en colaboración coa universidade portuguesa de Tras os Montes-Alto Douro e co Instituto Politécnico de Porto. Un programa que aspira a ser punta de lanza da especialización do Campus de Ourense, atraendo docentes de primeiro nivel e estudantes interesados en formarse nas materias que constitúen os eixos temáticos do mesmo e que quedan perfectamente reflectidos na denominación do devandito programa.

Dende o punto de vista das infraestruturas, este Campus dotarase, precisamente para dar respostas ás necesidades actuais e ás novas necesidades que xurdan do proceso de especialización, dun novo edificio cunha superficie de 3.500 metros cadrados, dos cales 1.500 metros están destinados a laboratorios, que constituirá a sede física e visible do campus da auga. Adxudicado o proxecto de obra no ano 2015, estase a pique de adxudicar a obra para poder comezar antes de que finalice o verán de 2016 as obras que deberán estar finalizadas en decembro de 2017.

Pero o Campus da Auga é todo isto e moito máis. O impulso da especialización permitiunos reactivar e afondar nuns casos, e explorar noutros, a relación da Universidade con diversos sectores empresarias, axentes sociais, e outras administracións públicas, entre as que cabe salientar concellos desta provincia. E é que este Campus de Ourense quere abrirse máis alá dos seus edificios, dos seus laboratorios, ao territorio onde nos inserimos. Queremos estar presentes coas nosas actividades formativas, en forma de cursos de verán, por exemplo, ou coas nosas actividades de investigación, a través dos diferentes grupos, nos distintos Concellos do territorio. Esta é unha misión que debemos levar a cabo, por compromiso con este territorio e por compromiso coas persoas que nel habitan, pois son elas, precisamente, ás que veñen a estudar as nosas aulas. Hoxe o Campus de Ourense conta con de 4.500 estudantes, dos que o 55% procede da provincia de Ourense, non só da súa capital senón tamén das diferentes comarcas que a configuran.

A elección deste Campus Universitario para facer unha carreira, ten que ver con factores relevantes, como o feito de ser un campus urbano, cómodo, asequible dende o punto de vista económico, con boas instalacións pero tamén co prestixio, cada vez maior, do traballo que se fai neste Campus Universitario de Ourense, como queda reflectido no feito de que tres dos seus centros, a saber, a Escola de Enxeñaría Informática, a Fac. de Ciencias Empresariais e Turismo e a Fac. de Dereito gozan xa dun selo de calidade tras acadar no ano 2015 a acreditación dos seus Sistemas Internos de Garantía da Calidade.

Neste sentido, gustaríame salientar o traballo que dende hai anos veñen facendo os equipos decanais e o profesorado da Fac. de Dereito da Universidade de Vigo. Ao feito de superar ese proceso de acreditación que lle confire un selo de calidade ao centro e que acredita que os procedementos internos fanse correctamente, que a información pública é transparente e adecuada, e que o centro funciona correctamente, a Fac. de Dereito ten acertado na súa estratexia e agora está a recoller os froitos dese traballo. É un dos centros máis antigos da Universidade de Vigo, e do Campus de Ourense. Precisamente, cumpriu á par que á Universidade, 25 anos de existencia, pois comeza a funcionar no ano 1990, da man do Prof. Dr. Rodríguez Ennes, o seu primeiro Decano, que o foi durante moitos anos, e á quen tanto lle debe este centro. Nos últimos anos, esta Facultade non só está a experimentar unha melloría nos seus procesos internos de traballo, senón que como dicía ten tomado decisión de enorme interese. Puxo en marcha a simultaneidade entre o Grao en Dereito e o Grao en Administración e Dirección de Empresas, cun número de 20 prazas de entrada, constitúe un dos estudos máis demandados de toda universidade, sen que queden prazas vacantes e cunha elevada nota de corte. Ten consolidado o Máster Universitario en Avogacía, en colaboración cóbado con cóbado co Ilustre Colexio de Avogados de Ourense, ten acollido como sé administrativa o programa de doutoramento do Campus da Auga, sendo o segundo centro do campus en número de profesores que se incorporaron ao devandito programa, e ten apostado firmemente pola especialización do campus de Ourense, habilitando unha mención en cuarto curso de grao con este sesgo de especialización e acollendo como sé a Revista REDAS, “Revista de Dereito, Auga e sustentabilidade”. E todo ese traballo, como digo das persoas, é dicir, dos docentes nos seus postos, do persoal de administración e servizos, e daqueles profesores que asumen, nun determinado momento, por responsabilidade, cargos de xestión ten finalmente resultados.

Hoxe, aquí, a Facultade de Dereito da Universidade de Vigo, presenta perante a sociedade, se se me permite, un deses resultados, de seguro o máis prezado. A súa mellor orquestra, formada polos seus mellores músicos. A IV Promoción de do Grao en dereito vén devolverlle á sociedade unha inversión, e tamén a confianza depositada en nós. Especialmente vimos devolver a confianza desa elección ás súas familias, os pais e nais que hoxe se han sentir tanto ou máis orgullosos que os seus fillos e fillas. Aquí están, cando menos, catro anos de traballo. Hoxe, estes que aquí se sentan son quen de interpretar a norma e a realidade con outra ollada, e con outras ferramentas, sabedores de que han seguir traballando, pois o Dereito, como a música, é unha partitura en constante creación, que require na súa xusta medida as doses adecuadas de harmonía e de imaxinación. Graduados e graduadas en Dereito conscientes de que nos postos que ocupen, nas funcións que exerzan, sempre forman parte da orquestra,  do colectivo, e que nese actuar a prol do interese común de fonda raíz kantiana radica a verdadeira idea de xustiza. Hoxe, aquí, no acto seguramente máis importante que se pode celebrar nunha universidade, vimos a poñer en escena, por un día, todo o traballo de fondo, que ás veces pasa desapercibido, de moitos anos, de moitos silencios e de moita prudencia. Estamos seguros que este traballo quedará, xa que logo, en boas mans.

Dixen.

 

En Ourense, a 10 de xuño de 2016

Virxilio Rodríguez Vázquez

Vicerreitor do Campus de Ourense da Universidade de Vigo

Blog en WordPress.com.

Subir ↑