PRESENTACIÓN DA “BANDA DAS CRECHAS”, CONCERTO DE NADAL DO CAMPUS DE OURENSE, UVIGO, SALA MARIE CURIE DO EDIFICIO POLITÉCNICO, 15 DE DECEMBRO DE 2015, ÁS 20:00 H.
Naquel tren que cruzaba a península de leste a oeste, as estacións sucedíanse con ritmo acompasado, case que imperceptible. Os seus ollos negros fuxían de cando en vez pola fiestra para ver paisaxe e imaxinar mundo, antes de retornar á folla en branco na que a intermitencia do cursor semellaba ser unha sutil chamada de atención. Voltar ao traballo era voltar aos libros, á listaxe bibliográfica, á sistemática do índice, á revisión dos artigos, aos anos de dedicación lonxe da casa, lonxe de todo. Sen embargo algo mudara, estaba en movemento. Entón, sentiu o impulso, escribir. Primeiro foron liñas torpes, un tanto dubitativas, que precisaban relecturas detidas, longas, nerviosas. Mais co paso do tempo o texto foi fluíndo, natural, inmediato, case líquido. Os ollos negros afeitos á banda sonora das historias dos vellos que subían en preferente e pasaban horas falando sen pausa, acabaron por necesitar aquel escritorio singular para producir. Fiestra, por favor, que sexa o 29V, onde haxa mesa, precísoa para o meu computador, as miñas postais, a miña libreta, o meu espazo. No fío musical do vagón sonaba a Banda das Crechas, que combinaba música galega con cumbia colombiana, e así os pés comezaban a bailar clandestinos, coma sen querer. Verde intenso. Unha selva. Auga caendo en fervenzas. Penedos e ruídos de mañá. Cidade. Amencer. Unha noite máis. Jet Lag. ¿A onde ha chegar este tren?
Remata o 2015 no que a Universidade de Vigo cumpre 25 anos de existencia. Miramos ao futuro, e neste Campus de Ourense decidimos abrir un claro na selva, imaxinar un Macondo no que habitar polo menos cen anos máis, e non precisamente en soidade. Por iso, hoxe, coma cada curso, convocámosvos a esta celebración comunitaria en forma de concerto co fin de seguir a abrir pasos, vías, raís polos que nunca deixe de transitar este tren.
En Ourense, a 10 de decembro de 2015
Virxilio Rodríguez Vázquez
Vicerreitor do Campus de Ourense da Universidade de Vigo
Deixar unha resposta